viernes, 7 de febrero de 2014

Apuntes sobre a microtoponimia do Concello do Vicedo


Esta páxina achega un estudo da microtoponimia das distintas parroquias do concello.  A toponimia maior, referida a entidades de poboación, figura recollida noutra páxina.

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome.
Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
_______________________________________

As ABELLEIRAS (As Negradas)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Portanto, o topónimo indicaría "lugar onde hai colocadas colmeas". Polo xeral o lugar estaba cercado, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.

Aínda que o apelativo "abelleira" tamén corresponde coa "herba abelleira" (Melissa oficinalis), é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería extraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.


O ABELLÓN (As Negradas)
Aínda que este topónimo parecería referir ao macho da abella, non parece moi probable para un topónimo: sería un topónimo anecdótico, e ademáis extraño.
Cremos máis probable atribuíble unha orixe na raíz hidronímica prerromana *ap-/*au–, presente en ríos como o Avia, Avión, Avon, etc. De feito, non somente a raíz *au-, senón tamén o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cf. aquí: F. Villar, "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana").
Esta hipótese parece aínda máis probábel vendo outros topónimos estreitamente relacionados fonéticamente, como "A Pena do Abellón" en Muras.

Nota 24/06/2016: anos máis tarde da escrita deste artigo, comprobamos que Bascuas, na súa obra póstuma, indica a mesma orixe para topónimos similares, incluíndo os topónimos correspondentes en portugués Abelhão e Abelhão, ou o río Abejón (Soria). En efecto, Bascuas interprétaos como formacións derivadas, co sufixo -lo, da raíz hidronímica indoeuropea *aw(e)- 'humedecer, fluír, mollar'. Cf. p. 120-121 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

O ABESÍOAVESÍO (Riobarba)
Lugar "sombrizo, frío". Cf. aquí.

ABEZÁN (Riobarba)
De (agru) Avezani, terras dun posuidor medieval chamado Avezanus (cf. Tombo de Celanova, e aquí).
É importante notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que a forma en xenitivo seguise a un agru/fundu, porén, non temos datos tampouco para rexeitar que ese lugar teña sido un lugar habitado, unha uilla medieval (explotación agrícola) .

A ABRELA (Suegos)
Diminutivo de "abra" 'baía pequena onde poden fondear as embarcacións' (cf. aquí).

Sobreira  definía "abra"  como "cualquier espacio de mar en la tierra, sin puerto ni
nada" (cf. J. Sobreira, Fr. J. "Papeletas de un diccionario gallego. Ms. s. XVIII", Ed. de J. L. Pensado. 1979).

OS ALBARIÑOS (As Negradas)
Segundo Navaza, os termos "Albariña" e "Albariño" son diminutivos de "albar" para formas fitotonímicas como "carballo albariño", "uva albariña" ou "toxo albariño". Tamén sindica que algúns dos topónimos "Albariño" e "Albariña" podería ser diminutivo de "árbore", de arboriña > alboriña (cf. G. Navaza. "Fitotoponimia Galega". 2006).

O AMIDAL (Suegos)
Lugar onde abundan os ameneiros.  Hai outros "Amidal" na contorna, e.g. en Covas (Viveiro), así como un "Midal" nas Negradas.

A ANADA DE ABAIXO (San Román)
Os topónimos "Anada", "Anido", "Aneiro" teñen moi probablemente unha orixe na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría" in "Estudios Mindonienses" 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).
Ver "Rego de Anido" para máis detalles.


ARGONTE (Vicedo)
Topónimo de orixe incerta. Postúlase unha orixe prerromana, incluso pre-celta, tanto a raíz *arg- ("brillante", emparentada co céltico argant-), como o sufixo adxetival "-ant-".
Estaría relacionado co "Arganzo" existente no veciño concello de Mañón (cf. aquí).
Existen outros "Argonte", así e.g. en Carral (A Coruña).
Ver a entrada específica neste blog para máis detalle >>>> aquí.

AREA LONGA (Vicedo), Praia de AREA (Suegos)
Antigamente, nestes contextos, "area" significaba "areal", "praia". Máis tarde, esta acepción perdeu o uso pola introdución do termo "praia", mais conservouse na toponimia galega.

ASARTÁN (As Negradas)
Ver "A Sartán".

Os BAGOS (As Negradas)
Ver "Os Vagos".


O BARBEITO (Suegos)
O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño onde se cultiva, segundo as zonas de Galicia, o centeo, trigo, millo e patacas".


A BARCIA CHÁ (Riobarba), A BARCIA NOVA, AS BARCIAS (Cabanas)
Unha "barcia" é un terreo chan e cultivado, un campo chan (cf. aquí), moitas veces ao pé dun río. O adxetivo "chá" desta barcia reitera este significado.
Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo proximo a río" (cf. aquí), e despois pasou a significar "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos se este é o caso.
Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta (cf. pp. 154-155 de E. Bascuas
, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega").

A BARRANOVA (As Negradas)
Recollido oralmente que se chama así desde a apertura, no século pasado, dunha nova taberna ("barra") nese sitio.

O BATÁN (Riobarba, As Negradas)
Os antigos "batáns" de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo. Os batáns ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.
Provén do latín battere, bater, golpear.


O BAZALAR (As Negradas)
De "bacelar"  de "lugar plantado de bacelos, vides novas" (cf. DdD). Navaza inclúe os topónimos Bacelar na súa obra "Fitotoponimia galega", con esta acepción. Ten tamén a acepción de "casal, granxa", aínda que menos común; de feito, neste caso recollemos oralmente a primeira acepción.

Correspóndese co portugués bacelada 'plantación de bacelo; viña nova' e co castelán leonés bacillar 'parral; viña nueva'.

A respecto da etimoloxía de "bacelo" 'viña nova', Sarmiento, e logo Corominas, derívano do latín bacillum ‘bastonciño’, diminutivo de baculum ‘bastón’, por lembrar os bacelos a forma dun bastón  (cf. Corominas, DCECH, s.v. bacillo). No entanto,  existe tamén a variante "barcelo", e igualmente no castelán de León barcillo, que fan pensar noutra acepción: Sobreira derivou "bacelo" de "barcelo" 'pequena barcia'  "el hoyo o pozo que se hace para plantar una cepa. La cepa nueva así plantada" (cf. DdD J. Sobreira, 1792-1797. "Papeletas de un diccionario gallego"). 
Na toponimia galega atopamos múltiples"Barcelo" e "Barcelar(es)" ; esta extensión e frecuencia coa forma co -r- sería extraña se o -r- non fose etimolóxico, en canto que a derivación de barcelo> bacelo que fai Sobreira non presenta maior problema fonético. Visto todo o anterior, aínda que contrariando a Sarmiento e Corominas, penso que a orixe é a indicada por Sobreira. 

No blog "Toponimia de Burela" analízase o topónimo "As Bacelas", concluíndo que todo apunta a que, en efecto, os topónimos "Bacela" derivan de "Barcela", sendo este un diminutivo de "barcia" (terreo chan de cultivo, preto dun río), confirmando, xa que logo, a orixe que indicou Sobreira.

O BERTOIRAL (As Negradas)
Posiblemente derivado abundancial de "bertoeiro", indicando por tanto un lugar onde abundan os brotes, sexa das nabizas ou doutra planta. En efecto, o adxecivo "bertoeiro" é rexistrado por E. Rivas, aínda que non nesta zona, co significado de "que abunda en bertós; se dice, por ej., de los nabos que echan muchos brotes tiernos. A estos brotes se les llama bertós; grelo es menos usado aquí" (cf. aquí).


Alternativamente,  podería terse formado como deturpazón de *avetoiral :  onde pousan ou crían os voitres ou as avetardas. A evolucion tería sido *avetoiral > *avertoiral (etimoloxía popular por interferencia con "bertoiro") >bertoiral (hipercorrección).  Joseph Piel, menciona os topónimos "Bitureira"  e "Beitureira" como abundanciais do voitres (cf. J. Piel, par. 24 de "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).

A BREA (San Román), AS BREAS (As Negradas)
Posiblemente de "vrea", "verea" 'vieiro, carreiro' (cf. aquí), da mesma orixe que o castelán vereda.

As BUDUEIRAS (Riobarba)
O apelativo "budueira" é sinonimo de bedueiro, bidueiro.

O BUFADOIRO (As Negradas)
Lugar onde "bufa" o vento, onde sopra forte.

O BULLEIRO, OS BULLEIROS (As Negradas)
Sitio pantanoso ou onde nace a auga. Cf. aquí.

BUSTO, BUSTELO (varios)
De bustu, "curral de bois e vacas", "rabaño de gando vacún", "lugar para pasto".
O lingüista J. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, e cita a Sarmiento, que xa se adianta as mesmas ideas.
Navaza di que os topónimos Busto e Bustelo naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor (cf. G. Navaza. "Toponimia de Catoira". 2007). Neste sentido, e seguindo a J. Moralejo, M. Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia para as vacas' (cf. aquí), á súa vez derivado da raíz indoeuropea *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

O CAÍNZO (Riobarba, San Román)
Un caínzo é un "tecido de varas", tanto onde se secaban as castañas, como o tecido de varas que compuña as tañeiras do carro, etc.
Un "caínzo", en toponimia, refiría por extensión a un "hórreo feito de canas ou vimbes". Tamén podemos pensar nun terreo cerrado de vimbes ou canas, ou incluso nunha cancela feita de tais materiais.

 O CACHEIRO (O Vicedo, As Negradas, San Román), AS CACHEIRAS (San Román)
O nome "cacheiro" ten varias acepcións:
Podería estar relacionado con "terreo de mato, de monte, que se roza e queima para sementar trigo ou centeo".
 Di Sarmiento: Cachar significa rozar y quemar un terreno lleno de matorrales para sembrar en él centeno o trigo. Cachada es esa heredad y cacheira un terreno muy espacioso para el mismo fin. No entanto, queda a dúbida porque, dada a situación dos dous topónimos do concello, en terreos chans, sen estaren próximos a monte, non parece axeitada.
Outra acepción rexistrada sería a que se usa actualmente en Dodro: "leira pequena traballada e coidada preto das aldeas".

Hai "Cacheiro" en varios lugares do concello limítrofe de Viveiro, e no concello de Mañón existe o toponimo "As Cachizas", que podería estar relacionado.

O CACHÓN (Riobarba), A Rega do CACHÓN (Riobarba)
O apelativo "cachón" é sinónimo de "fervenza","cascada".

A CACHOPA (San Román), AS CACHOPAS (As Negradas)
O topónimo "cachopa" é moi abondante en Galiza. O dicionario define "cachopa" como "toro (tronco) groso e vello, ben aínda en pé ou xa cortado".
Tamén se acostuma aplicar esta palabra, segundo o dicionario, ás amas de casa.

O CADAVAL (en todas as parroquias)
Lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

AS CALEIRAS (As Negradas)
Indica un "lugar onde se extrai a cal, ou forno onde se queima a cal". Cf. aquí.
Aínda que o apelativo "caleira tamén corresponde co nome dunha planta, é improbable que sexa esta a interpretación correcta, sería extraño tal frecuencia de topónimos referidos ao nome dunha planta sen uso especialmente relevante. Aínda máis sendo o nome en singular, referindo por tanto á presencia dunha única planta.

O CALLEIRO (Suegos)
O apelativo "calleiro" está rexistrado no dicionario como "callo", "cerebro", e tamén "canle profunda que fan as augas" (cf. aquí).  No entanto, neste caso "Calleiro" pode ter a orixe no celta calio 'pedra', a mesma que tén "callau" (< *calyavo), e indicaría abundancia de callaus neste rego.
Cabeza Quiles recolle "Calleira", "Callau", Callobre e Callón, asignándolles esta orixe celta. Cf. F. Cabeza, "A toponimia celta de Galicia". 2014.

A CALVA (San Román), AS CALVELAS (San Román, Riobarba), O CALVO (Suegos),
Tanto "calva" como "calvo" como "calvelo", calvela e calveira referen a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.


O CALVARIO (Mosende, Riobarba)
Posiblemente referidos á existencia de tres cruces, ligadas ao culto do Via Crucis.


O CAMPO DA AIROÁ (Suegos)
Referido a "campo da pequena aira". Para o termo "Airoá", ver "A Cruz da Airoá".

O CAMPÓN (As Negradas, Mosende, Riobarba, San Román), OS CAMPÓS (As Negradas)
Prado de secaño de moita extensión. Cf. aquí.


A CAMPOSA (Suegos, San Román)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).

A CANA DA INSUA (As Negradas)
O "canal" polo que discorre o río, cando a ría está seca, na baixamar. Neste caso "cana", como case sempre no feminino, é aumentativo de "cano" = o suco que se fai co sacho para regar.

O CANAVAL (Riobarba, Suegos)
Lugar onde abundan as canaveiras.

CANDAMILA (Riobarba)
Probablemente indicando finca dun propietario apelidado "Candamil". Este apelido é pouco frecuente, e encóntrase maiormente no veciño concello de Mañón, polo que a estirpe dese antigo propietario poidera provir dalgún lugar dese concello.
Podería ser referido, en lugar de apelido, a un alcume, indicando a procedencia do propietario dun lugar chamado Candamil, como por exemplo o existente no concello de Xermade.
A orixe do apelido Candamil vén do topónimo, e este, tal como indicamos no blog de Xermade, a partir de Kindamiri, forma en xenitivo do antropónimo Kindamirus, nome de orixe xermánica.

AS CANDORCAS (San Román)
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza, así atopámolo e.g. en Chavín.
O termo "Candorca" probablemente derive de "cand-" + "orca".
O termo "cando", segundo G. Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado"(cf. aquí). Abondan os topónimos "Candaedo" e similares.

Parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand- 'resplandecer, brillar', como no lat. candeo "brillar", "arder". Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e kandanos, do que derivaría "cando".
A respecto do elemento "-orca", Gª de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. Cf. aquí. Cremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" (=barranco profundo), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, demonstra que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería **candorco.

É importante notar que, con certa seguridade pode descartarse unha orixe no apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' e tamén 'muller grosa e suxa': aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo en Galiza, o cal non semella probabilisticamente aceptable se fose tal alcume. Máis improbable aínda unha vez que vemos a frecuencia dos topónimos en -orca/-orco.

A CANTEIRA (As Negradas)
Lugar de extracción de pedra. É neste caso un lugar na beiramar, onde non fican vestixios de tal extracción. Porén, recollemos o relato de que foi extraída pedra cando foi construída a antiga Ponte do Barqueiro.

O CANTO DO MURO (As Negradas, Riobarba, San Román)
O termo "canto" podería significar "esquina, saliente, ángulo, recuncho", derivado do termo latino cantu significando "ángulo". ou do céltico *kant, de significado similar.
Dese modo, este topónimo significaría "o recuncho do muro".

Esta posibilidade parece confirmarse vendo que por exemplo en Muras existe: O Canto da Vila, O Canto de Baixo. O Canto do Muro. O Canto do Prado, O cantón. É un caso similar ao do topónimo "O recuncho", existente en varios concellos.

CAÑOTAS (As Negradas)
Unha "cañota" refere a un "castaño secular, de tronco oco, moi grande".
Outro significado, aínda presente na lingua actual, é o de "o resto de tronco de árbore ou planta que fica despois de cortala".

O CARBALLO DA GALIÑA (As Negradas)
Os topónimos "Galo", "Galiña" ou "Galiñeiro" non encaixan na maoiría dos casos co seu significado obvio, correspondendo moitas veces con formacións rochosas. Proviría máis ben do tema prerromano *kal(l)- 'rocha'. Ver "A Pena da Cataverna" >> aquí para máis detalles.

Alternativamente, Cabeza Quiles vincula os topónimos "Galiñeiro" e "Galiña" con formacións rochosas que lembren a cresta deses animais ou fainos derivar tamén da raíz prerromana indicada. Porén, en moitos dos casos non se dan tais formacións rochosas, tal como é o caso deste "Carballo da galiña", aínda que si tén rochas para corresponder coa hipótese indicada de *kal-.

O CARDEAL (San Román)
Un "cardeal" ou "cardal" é un lugar onde abundan os cardos.

CAROCEIRO (Cabanas, Mosende, As Negradas)
Pese a parecer unha etimoloxía simple (adxetivo referido a "carozas"), non sempre é este o caso de Cabanas: Xabier Moure recólleo mencionado como "Carruceiro" no Cadastro de Ensenada, no que cuantifícan os ferrados de millo que recollían nel. Cf. aquí.
Sería, portanto, a árbore que Sarmiento recolle con este nome, unha clase de maciñeira selvaxe, cun froito ao que chaman "carozos". Cf. aquí.
Tería evoluído de "carruceiro" a "caroceiro" por etimoloxía popular, pois o termo "caroza" é común nesta zona, referido á parte dura que encerra o froito do piñeiro. As carozas eran usadas para facer o lume, pola sua boa combustión.

O CARDOIRO
 (Cabanas)
Sitio onde se cardaba liño ou la, etc. Derivado de "carda" ("o acto de cardar") + sufixo -doiro. Nótese que "-doiro", de orixe latina -torium, acostuma ser indicativo de aparello ou de accion, e.g. "lavadoiro", o cal ocorre no caso de "cardar".

O CARRACEDO (San Román)
Un carracedo é un lugar onde abunda o carrizo, planta da familia das ciperáceas que medra en terreos encharcados.


O CARRUSCO (Mosende)
De orixe e significado incerto. O elemento pre-romano *carr- "pedra", existe en nomes como carracedo, carrasco, etc. Por veces é asociado co celta *karr- "escarpado" (cf. aquí).
Existe rexistrado outro "Carrusco" no Sisto (Ourol), e outro en Tramacastilla (Teruel), e un Carrusquiecho, provinte de "Carrusquezo", en Sallent (Huesca).

O CASAL (As Negradas), O CASAL VELLO (Mosende)
Casal, do latín casalem, designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

O CASCABELLAL (As Negradas)
A súa orixe é de "cascabullal", lugar onde abunda o "cascabullo" 'cascas, escombro'. A mesma palabra existe en portugués, coa grafia cascabulho.

A CASILLA (Suegos)
O nome "casilla", é un castelanismo por "caseta", "garita". Este termo foi introducido a partir do século XIX para designar as vivendas destinadas aos camiñeiros, encargados da conservación das estradas.
Construídas en todas as estradas principais, as "casillas" foron postas en funcionamento coa Real Orde de 26 de febreiro de 1852.
É un topónimo moi extendido en Galiza, e que, en moitos dos casos, tamén parece indicar a existencia dun dolmen, "forno dos mouros".

AS CAVADAS (As Negradas)
Alén do significado máis común referido a "terreo que foi cavado, xeralmente para dedicalo a cultivo", o apelativo "cavada" tén a acepción antiga de "foxo" (cf. aquí), do latín caua 'gabia, cova'.
O alemán G. Schulz, a mediados do século XIX, describía un método de cultivo que consistía nas "rozas" ou "cavadas”, usado en montes e zonas pendentes do oeste de Asturias e parte de Galicia “cuya cubierta vegetal se cava, seca y quema una vez cada cierto número de años, sembrando y recogiendo una cosecha de trigo, a la que sirve de abono la ceniza de la vegetación quemada”.
Sería, por tanto, un sinónimo de "rozas".

CAXIDE (As Negradas)
De *(agru/uilla) Kagiti, terras dun antigo posesor altomedieval chamado Kagitus. É un nome de orixe xermánica, composto pola prototema *kag-, de orixe visigótica, e o sufixo -ittus. Cf. p.280 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".
O nome Kagitus está ben atestado na documentación altomedieval en Galiza.
Anteriormente, J. Piel derivouno de *(agru/uilla?) Gadagildi, igualmente referido ao nome de posesor medieval, que segundo esta interpretación sería Gadagildus. Cf. p. 292, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II.

Aínda que na actualidade este topónimo Caxide referencia un agro, sen restos coñecidos de vivenda, non se pode descartar  que alí estivese unha uilla altomedieval ("granxa, expotación agricola").

As CERNADAS (San Román, As Negradas)
O termo "cernada" vén do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DDD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de roza: facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sobe, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estivesen acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía". Vicente Risco, "Terra de Melide".

O CERCADO (As Negradas, Mosende, Riobarba, San Román)
Un "cercado" é unha finca ou terreo rodeado por parede (cf. aquí para galego e cf. aquí en portugués). Polo xeral, "cercado" ten significado similar ao de "cerca", aínda que de maior extensión.


O CONCELLO (Suegos)
Nestes terreos puido estar o antigo lugar para concello ou reunión, ou ben terreo pertencente ao concello.

A CORTIÑA (varias)
Do latín tardío cohors ‘sitio cerrado’ derivou cohortina ‘cortiña’ (así como cohorticulum ‘cortello’).
As cortiñas son leiras, que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos ben traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

O COTO da MOTA (San Román)
Ver "As Motas".  O interesante neste caso é que tanto "coto" como "mota" referen ao mesmo significado. O máis probable é que orixinariamente fose "A Mota", e cando se o nome "mota" deixou de asociárselle o significado de "pequeno coto", foille engadido "o coto" para volver a ter o significado orixinario.


O COTOLUDO (Riobarba)
Posiblemente de "coteludo", lugar prominente, que se eleva sobre o que ten arredor (cf. aquí). É un termo derivado de "cotelo", antigo diminutivo de "coto", voz de orixe prerromana.

O COVARQUÉS (Riobarba)
Semella provir dun xentilicio, así poderíamos pensar en "O Cabarqués", lugar dun propietario orixinario de Cabarca ou Cabarco. 

A evolución fonética cabarqués > cobarqués é común no galego, o peche de vogal diante de labial (semana >somana).
O lugar "Cabarco(s) de procedencia do posesor é incerto, podería ser da freguesía de "Cabarcos" en Barreiros, aínda que é unha especulación. Hai moitas outras, como "Cabarca" en Ribas do Sil.

A COVELA (Riobarba)
O termo "covela", orixinariamente derivado como diminutivo de "cova", designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É, por tanto, un termo similar a "cale" ou "cal".


Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

As CROAS (As Negradas)
O termo "croa" ven de "coroa", cima de monte redondeada, frecuentemente correspondendo coa parte alta dun castro.

O CUCHAREGO (Cabanas, Riobarba, San Román)

Podemos interpretalo como derivado de "cocho", co sufixo -ego, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, etc.
O dicionario de Carré define cucharego como “leira pequena dedicada a leña ou a prado” (cf. aquí).
Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, como en Alfoz, Barreiros, no Valadouro, en Viveiro, en Muras. 

O CUCHEIRO (Riobarba), OS CUCHEIROS (As Negradas)
Podería ser "terreo que forma unha depresión, un currucho". Rexistrase "cocheiro" (de "cocho" 'furada') con este significado na provincia de Lugo. O paso de cocheiro>cucheiro responde a un peche do primeiro "o", común no galego en presencia dun ditongo posterior "ei" (igual que ocorre co "e" por exemplo en regueiro>rigueiro).

Detrás das CUÍÑAS (As Negradas)
A orixe do termo "cuíña" é discutida, aínda que probablemente corresponda co apelativo "cuíña" 'pequena elevación do terreo'. Esta é a orixe que lle asigna tamén Martínez Lema.
Eladio Rodríguez recolle este significado como forma aínda viva en Abadín e Parga, definíndoa como "colina", e Constantino García tamén o rexistrou en Laxe, co significado "lomba" (cf. aquí).
Hai outras teorías, como derivalo do latín colina ou culina, co significado de "cociña" (cf. aquí), co argumento de ser improbable que derive do latín collina, pois non se perde o dobre l.
Outra teoría alternativa é a de Rivas Quintas e Cabeza Quiles, que explican os diversos Cuíña / Cuña do territorio galego como derivados dunha raíz oronímica preindoeuropea *con- / *cun- 'rocha, prominencia, altura'. Finalmente, Nicandro Ares apunta a posibilidade de derivar do apelativo "coíña", no senso de "col nova". Porén, crémolo improbable, pois un apelativo tan común, que sería anecdótico, non pode ter tantas ocorrencias na toponimia galega. Outra alternativa que propón N. Ares é a de "coia", o termo prerromano.

A CURRIPA VELLA (Riobarba)
Unha "curripa" é o "lugar onde se recollen as castañas nos soutos". Ten outro significado de "carreiro", mais coidamos que encaixa mellor a outra acepción.

O CARRANCO (Cabanas)
Aínda que os dicionarios consultados soamente indiquen para "carranco" o significado de "unha clase de paxaro" e a outra de "verme" (cf. aquí), é probable que teña unha acepción relacionada con "encosta", "ladeira", "lugar peado", similar a "barranco". Atopamos inclusive en siciliano a forma análoga carrancu 'lugar escarpado'.  Derivaría da raíz prelatina *kar-, "rocha, lugar pedregoso".
Existen outros "Carranco", como por exemplo en Barreiros, Ourol, Muras ou Mañón, onde tamén atopamos "Carrancón" e "Carrancova".Hai tamén un "Carranque" en Toledo, nunha zona de talude da ribeira do río Guadarrama.

O CATADOIRO, Os CATADOIROS (San Román)
Podería ser captatoriu, quer de "observación" ou de "caza". Existen moitos "catadoiro" e "catadoira" en toda Galiza.
Podería ter orixe prelatina, véxase >> a entrada no blogue referida a "Cataverna".

A CHAVE (San Román)

Probabelmente relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos. Do mesmo modo, en portugués "chave" ten tamén a acepción de "recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados" (cf. C. de Figueiredo, "Grande Dicionário da Língua Portuguesa").
Analogamente en portugués "chave" denominaba un "recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados" (cf. Elucidário). 

A CONGOSTRA
 (As Negradas, Riobarba, San Román)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de "corgo". A palabra vén do latín congusta, "estreita".

Os CORGOS (As Negradas, Suegos, O Vicedo), Punta do CORGO ESCURO (O Vicedo)
O termo de orixe prelatina "corgo", posiblemente signifique neste caso "canos polos que escorre a auga". En xeral, a palabra "corgo" ten varios significados: 

  • represa, natural ou artificial, que recolle augas cando chove. 
  • Cano: canle de distribución destas augas represadas. 
  • Corredoira: camiño estreito e profundo que discorre xeralmente entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. 
Cf. aquí.

A CORRIOLA, A CURRIOLA (As Negradas)
Podería derivar de corrugola, diminutivo do termo latino hispánico corruga, que deu en galego "corga" 'camiño de carro profundo, congostra'. Esta hipótese, aínda que non recollida en ningún dicionario que coñezamos, parece confirmarse ao comprobar que este topónimo está localizado nun lugar onde existe unha corga moi profunda.
A evolución fonética é igualmente probable que no caso da planta "correola", que deriva do latín corregiola 'correíña', pola forma das follas. A conservación do sufixo -ola fronte á evolución a -oa non é extraña (candiola, eixola, galiñola, etc).

Como obxeción a esta orixe, sería que os dicionarios de galego e portugués non recollen tal acepción, senón que somente inclúen para os termos "correola, corriola" acepcións relativas a plantas, tanto do xénero convolvulus como do xénero plantago. Porén, parece extraño o uso como topónimo dun apelativo referido a unha planta de relativamente baixa importancia e uso agrícola ou gandeiro. Tampouco encaixa como un topónimo anecdótico, pois é frecuente demais para ser anecdótico: atopamos outras dúas "Correola", en Ribadumia e Catoira, así como unha "As Correolas" en Celanova.

Tendo en conta todo o anterior, cremos altamente probable a acepción de "corga", a única que ofrece un sentido claro nun contexto toponímico.

CONCETE, Fonte de CONCETE (As Negradas)
Termo de significado e orixe incerta. A terminación podería indicar a orixe nun posesivo de persoa.
Alternativamente, podería derivar dunha deturpación de "coucete".

O COVELO (As Negradas), Os COVELOS (Mosende, Riobarba)
Covelo significa ‘pequeno lugar cóncavo ou fondo; un pequeno fondón do terreo’, diminutivo do adxectivo "covo" ‘cóncavo, profundo’.


Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

O COTELO, O COTILLÓN (varios)
Formas en diminutivo de "Coto". Ver "O Coto".

O COTO, O COTÓN (varios)
O termo "coto" indica a "parte máis alta dun monte ou dun outeiro". Deriva dun elemento prerromano *cott- 'prominencia, altura rochosa'.

A COTORRA, A CUTURRA (As Negradas)
Derivado de "coto", co sufixo -orra, -urra, de orixe prerromana. Ver "O Coto".
Rexístranse en toda Galiza, así en Covas (Viveiro) "O Coturro", en Bares "A Cotorroia", etc.

O COUCE (As Negradas, Riobarba), Os COUCES (San Román)
Esta palabra ten múltiples acepcións. Nestes casos viría de calce 'calcañar', e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".

Tamen Rivas Quintas indica que o topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 

A CRUZ DA AIROÁ  (As Negradas, O Vicedo, San Román)
O sitio da "Cruz da Airoá" está situado nunha chaeira no curuto dunha montaña, e efectivamente localizase nel unha cruz. Marca o límite entre as parroquias das Negradas, do Vicedo e de San Román.  Existe tamén "O Campo da Airoá" en Suegos.
O termo "Airoá" procedería dun *ārĕŏla, diminutivo a partir do latín ārĕa 'área, superficie; lugar chan; solar', o cal deu no galego "aira" e "eira" 'lugar chan, próximo á casa, feito de terra firme ou de pedra, onde se mallan os cereais, se botan a secar os legumes etc.’ (cf. DRAG).  Esa é a orixe foi atribuída xa por Sarmiento, e máis contemporaneamente por Moralejo Lasso (cf. A. Moralejo, "Toponimia gallega y leonesa". 1977), Cabeza Quiles e outros.
É importante notar comparativamente para o homónimo en catalán "erola" o significado de "Pla petit al cim d'una muntanya" (cf. aquí). Cremos que o significado orixinal de "eiroá" debeu ser igualmente "pequena chaeira na cima dunha montaña", dada a localización nunha zona cha de montaña.

Este topónimo é importante no estudo dialectolóxico do galego, por presentar unha terminación "-oá" nunha zona que, na actualidade, presenta o hiato "-oa" para a terminación diminutiva latina -ola. Así, é mencionado no estudo de Pérez Capelo (cf. aquí"Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015), no cal é interpretado como que o sufixo latino "-ola" tería evolucionado nesta zona para "-oá" antigamente. Cremos que esta é a opción máis probable, se temos en conta a existencia do topónimo "A Amoá" en Cabanas (cf. aquí), ou a conservación da forma "teiroá" para o apelativo tamén mencionado no artigo indicado.

Os CUARTOS (Riobarba), Monte dos CUARTOS (Mosende)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a cuartos. Ver "Cartas".

As CUBELAS (As Negradas, Riobarba)
De "Covelas", diminutivo de "cova", ben no sentido de "furada", ben no sentido de escavación ou sepultura. 

Aínda que varios autores indican que "covelo/a" e similares a priori poderían corresponder tanto cun diminutivo de "covo/a" como de "cubo/a", Santamarina demostrou que a meirande parte dos Cuvelo/a(s) e Cubelo/a(s) galegos  remiten a *cova e non a cupa, chegando a suxerir a posibilidade de que cuba non presentase derivados toponímicos en Galiza (cf. A. Santamarina, 2008 "Covelo, covela, cubelo, cubela. Un problema gráfico e etimolóxico").

Camiño da CURUXEIRA (San Román)
Unha "curuxeira" designa, metafóricamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. aquí.

A DEVESA, O DEVESO (Cabanas)
Do latín (terra) defensa (terra resguardada, vedada). Significa "terras cercadas". Orixinariamente eran terras prohibidas para o pobo, do rei ou nobres, para cazar ou para explotación das árbores (carballos, etc).

O EITO (varios, Riobarba)
Un "eito" é cada anaco en que se divide un terreo para traballalo. É partillado en sucos nun labradío, en canto que nun prado ou monte son os anacos que quedan cando se sega a herba ou cortan os toxos ao ir e volver, ata concluir. Cf. aquí.

O EITO DA PINGUELA (Riobarba)
Para o termo "eito", ver "O Eito". Canto ao termo "pinguela", indica un "fío de auga que mana dunha rocha", e tamén "Cano por onde verte auga unha fonte". Deriva de "pingar", "caer a auga ou o líquido".

O EITO DO CANEIRO (As Negradas)
Para o termo "eito", ver "O Eito". Canto ao apelativo "caneiro", significa "canle, un canal, por veces usado para pescar". Xa que logo, será "terreo que cruza unha cale ou canal con auga".

ESCOURIDO (Mosende)
O mesmo que "escouredo", terreo onde abunda a "escoura" (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro"), e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").
É un topónimo frecuente en Galiza. Outros "Escourido" na contorna temos por ex. en Covas.

O ESPIDO (Riobarba)
Un "espido" indica un "lugar onde abundan os espiños". Tería evoluído do latín spinitu > *espiido > Espido. De feito, perviven varios topónimos "Espindo", dous deles en Foircarei, varios en Portugal, etc.
En Galicia atopamos varios topónimos "Espido": en Alfoz, en Curtis (A Coruña), en Monforte, en Meira, etc.
Unha orixe alternativa sería a referencia a "terreo espido", a terra pouco fértil e sen cultivos.

O ESTALLO (Riobarba)
Un "estallo", posiblemente relacionado con "estalla", probabelmente derivados de "tallo", e cun significado de "lucha", "pequena partición de terra". Esta forma en masculino indicaría un menor tamaño que a "estalla".

A ESTIVADA (Mosende, O Vicedo), O ESTIBADO (Cabanas)

Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 
Concretamente, o termo "estivada" ten varias acepcións, relacionadas coas antigas "rozas": 
  • O mesmo que "roza", operación de cavar un trozo de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo. 
  • Terra na que foi feita unha roza despois de extender as borrallas desta. 
  • Peche dunha herdade con terróns. 
Para maior detalle, ver Eladio Rodríguez aquí.

O ESVEDRAL (As Negradas)
Lugar onde abundan os érbedos ou esbedros (Arbutus unedo), árbore que dá un froito usado para aromatizar licores a base de augardentes e para preparar marmelada.
Hai outro "Esvedral" nas Ribeiras do Sor e "esvidral" en Galdo e en Vieiro.

O FARO (As Negradas, O Vicedo, San Román)
Nome orixinado no latín pharus, do grego Φαρος. Na Idade Media indicaba unha cima elevada na que se prendían fogueiras para se comunicaren.
Sarmiento clarificaba semanticamente a diferencia con "facho", sinalando que "facho" era aplicado en Galicia "a las eminencias en donde, para avisar de la venida de los enemigos, se encienden hogueras; .... Si en ellas hay farol continuo para guiar a los marineros, se llaman "faros", y si sólo para hogueras "fachos". A veces se toma uno por otro. ".

O FEAL, Os FEÁS (Riobarba)
Un "feal" indica un herbal, un terreo que produce "feo" (cf. aquí).

A FEXOA, A FIXOA, As FIXOAS (As Negradas)
Provén de "foxoa", aumentativo de "foxa", do latín medieval fogia, do latín clásico fovea.
Semella máis probable unha orixe na forma con aumentativo *fogiona e non en *fogiola, pois a pronuncia do segundo "o" é pechada, o cal non sería o caso nesta zona se derivase do diminutivo fogiola.
A evolución foxoa > fixoa está rexistrada no caso doutros topónimos e non ten nada de particular, tratándose dunha palatalización de vocais átonas en posición pretónica, tal como aconteceu con folloa>filloa (cf. P. Martínez Lema aquí).
O apelativo "foxo" (en portugués fojo), indica un furado grande. Aínda que por veces eran trampas para alimarias, non o cremos neste caso, dada a falta de terreo para un foxo lobal. Aínda que "foxa" en xeral podería indicar tamén a existencia dunha cova, tampouco acontece neste caso, coñecendo o emprazamento. Indica, por tanto neste caso, simplemente o desnivel (valado) do terreo, o cal efectivamente inclui unha congostra.

Os "foxos" feitos para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoan Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo. Os veciños tiñan o labor "desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (Cf. aquí)

A FONTAÍÑA (As Negradas, Suegos)
Fonte pequena, d
iminutivo de "fontá", "fontela". Cf. aquí.

FONTE da BITORNA (Mosende)
O termo "bitorna" posiblemente sexa composto de "torna", con "torna" no sentido de "espita", 'caño'. Hai varias "fonte da bitorna" que parecen encaixar e confirmar este significado.
Os topónimos "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga", probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.

Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.


FONTE do PIMPÍN (As Negradas, San Román), O PIMPÍN (Mosende)
Probablemente de orixe en onomatopeia, indicando unha fonte de pouco caudal, que "pinga", polo cal se costuma pór unha "pimpela" pola que discorre o fío de auga.
O feito de haber lugares ou fontes "Pimpín" nas Ribeiras do Sor, en Mañón, en Celeiro, etc, parece confirmar esta hipótese. Máis aínda se observamos que en asturiano o termo pimpana designa unha fonte que mana gota a gota (=que pinga). Cf. aquí.


A FONTEMIEIRA (As Negradas)
Tavez se trate dunha forma composta, de "fonte Amieira". Sería, por tanto, de orixe prerromana, da raíz indoeuropea *am- "cauce, canle", frecuente na hidronimia paleoeuropea. De feito, o termo "fonte" parece confirmar esta hipótese. O termo "fonte" sería, portanto, unha tautoloxía, recuperando o significado de "fonte" talvez agachado tras de "mieira".
Alternativamente, podería vir de *fonte meeira (de "meo" 'medio' co sufixo -eira, "medieira, do medio"), e significaría, portanto, "fonte compartida por dous parceiros", situada no lindeiro entre dous parceiros.

A FORCADA (Suegos)
Indicando unha bifurcación, quer de río, de camiño, de cordal.
Os topónimos do tipo "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña", "Forqueta" son relativamente frecuentes en Galiza, polo que se pode descartar que fosen orixinados nunha referencia ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría coa dita frecuencia na toponimia.

O FORO (Cabanas, Mosende, Riobarba)

Indica unhas terras suxeitas a un foro.
O termo "foro" tivo en Galiza o significado de ‘dominio sobre unha propiedade’, e daí pasou a ter o de logo ‘Contrato consensual, comunísimo en Galicia en pasados tempos, polo que unha persoa cedía a outra, ordinariamente por tres xeracións, o dominio dunha cousa inmoble, mediante certo canon o pensión anual" (cf. E. Rodríguez, Dicionario).
Decía Sarmiento "Sobre todo hay en Galicia aquella especie de arriendos que llaman foros. Foro es dar a uno una posesión que la cultive y usufructúe por el tiempo de tres generaciones. Hoy solo se hacen por tres vidas de reyes, pero en lo antiguo se hacían los foros por tres vidas de particulares y veintinueve años más..." (cf. "Onomástico etimológico de la lengua gallega", ed. de J. L. Pensado).

FOXÓ (Suegos)
Diminutivo de "foxo". Ver "Fexoa" para máis detalle.

O FREIXO (Riobarba)
Do latín fraxinus 'freixo'. No caso do topónimos con nome de árbore en singular, costuman interpretarse como referindo a unha colectividade deles. Indicaría, por tanto, un lugar onde abundaban os "freixos".
É un topónimo frecuente en Galiza, así atópase outro no viciño Mañón.

O FULGUEIRAL (Mosende)
O mesmo que "folgueiral", "folgoso", indicando un lugar onde abundan os felgos (fentos).

Illa GABEIRA
Illa "das gaivotas". Do latín gauiaria, de gauia, "gaivota". De feito, debería transcribirse "Gaveira".

GOCENDRE (As Negradas)
De (agru) Godesindi, terras dun posuidor medieval chamado Godesindus. A evolución sería: Gocendre < *Gocende < (agru) Godesindi. Cf.: P. Martínez. "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens". 2012.
Máis ben, cremos que a orixe foi (uilla) Godesindi, e que houbo un lugar habitado, cunha explotación agríola. A razón é que hai un terreo próximo a este chamado "A Capela", onde non hai restos da tal capela, pero dada a existencia da uilla, parece plausible. Os dous topónimos, "A Capela" e "Gocendre", acláranse entre si, xa que logo.

AS GOLPILLEIRAS (Riobarba)

Unha "golpilleira" refere a unha gorida ou cubil de golpes ("raposos"). O nome provén do latín vulpicularia, co mesmo significado, derivado de vulpes 'raposo', 'golpe'.
Existen varios topónimos en Galiza, como p. ex. en Muras. No portugués antigo tamén existía o mesmo nome, escrito "gulpilheira" 'terra onde abundam as raposas', e de feito presérvase na súa toponimia Golpilheira(s). Incluso atopamos Goupillières en Francia, da mesma orixe e significado.

A GORGORIA (San Román)
Podería ser unha deturpación de "gorgoira" ("gorxa"), ou estar relacionado co gorgullo dos mananciais. Proviría do tema paleoeuropeo *gur-g-, do cal tamén deriva "gorgullo", "gorga", etc, tema formado a partir da raíz indoeuropea *gwer- "tragar", e explica o significado oposto de "agromar, brotar" pola cruce coa raíz *bhorw- ‘bulir’. Cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

Altenativamente, pode ter orixe na base *borb- ’fonte, manancial’, dun indoeuropeo*bher- ’borbo­tar, ferver’ (anglosaxón beorma, latín fermentum ’formento, levadura’). De *borb >gorg tería evoluído do mesmo modo que vulpe> golpe, suevos>suegos.
Altenativamente, aínda que improbable, non se pode descartar unha orixe cercana no tempo, derivado de Gregoria, no senso de "terra de Gregorio".Existe outra "A Gorgoria" en Foz (cf. aquí), e unha "A Gorga" en Muras (cf. aquí).

Os GORMEDOIROS (Cabanas)
Posiblemente de "gromedoiros", de "gromar", agrumar, e que por tanto significaría "terreos fértiles, con plantas que agroman".
Cremos que a orixe máis probable é na base *borm- ’fonte, manancial’, dun indoeuropeo *bher- ’borbo­tar, ferver’ (anglosaxón beorma, latín fermentum ’formento, levadura’). O paso de *bormedoiro >gormedoiro sería equivalente ao de bromear > gromiar, broma>groma, e similar a volpe>golpe.
Alén do anterior, a existencia do verbo galego "bormar" 'vomitar' (cf. aquí) parece reforzar esta hipótese de relación con "borbotar".No entanto, E. Bascuas indicaba para "Gromejón" (afl. do Douro, Valladolid) unha orixe distinta, na raíz indoeuropea *gwer- 'tragar', a través dun tema paleoeuropeo *garm-. Cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Existe un "O Gormedoiro" en Chavín e "As Gormallas" en Foz.

A GRELA (As Negradas)
Este topónimo non presenta maiores dudas. A grafía correcta sería "Agrela" 'pequena agra', do latín agrella. De feito, este lugar figura atestado como "Agrela" en 1752, no Cadastro de Ensenada.

A INFESTA (San Román)

O mesmo que "enfesta" 'cuesta que desciende á una hondonada, ó termina en ella', 'cume, pico, lugar alto'. Cf. aquí.
Probablemente en sentido metafórico: o dicionario de Carré Alvarellos define "enfesta" coas acepcións de teiroá, "travesero de madera que une la cabezalla del arado con el dental", e tamén como a "pieza de madera que regula la engranda del (grano en la muela del) molino".

A INSUA (As Negradas), A INSUA DE SAN MARTIÑO (As Negradas)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refere a terreo rodeado en parte pola auga, xeralmente por un río, podendo ser unha península no río, ou incluso un lugar no medio de dous ríos.

O ILLÓ (Riobarba), O ILLÓ DO ROMANO (San Román)
Un "illó" é un sitio pequeno onde brota auga, e é pantanoso (cf. aquí). A orixe é controversa, hai quen o deriva do latín vulgar *oculiolu, aínda que outros (e.g. Bascuas) derívano dun termo prerromano, da hidronimia paleoeuropea.

LAMUCEIRA (Cabanas)
O mesmo que "lamuxeira" e "lamugada", lugar onde costuma haber lama.


LASTIGUEIRA (Cabanas)
Probablemente de "lestigueira", relacionado coa planta chamada lesta. Con todo, é soamente unha posibilidade, e Navaza non o incluíu na súa obra "Fitotoponimia galega".
Hai outra "Lastigueira" en Ortigueira e "Lestegueira" en Muras.

As "lesta", é unha planta da familia das gramíneas,  Anthoxanthum odoratum. Xa en 1717 Sarmiento destaca a existencia desta planta en Galiza: "Noté que hacia Pontevedra solo tiene un dedo de ancho la hoja. Hacia La Coruña tiene dos; y hacia San Andrés de Teixido, junto al cabo de Ortegal, tiene la hoja cuatro dedos de ancho, y allí está poblado de esa lesta olorosa el monte da Capelada". 

As LEAS (San Román)
Posiblemente de orixe prerromana, da forma indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. Tería un significado parecido a 'augas apacibles, en remanso'. Estaría relacionado con outros topónimos como "Ribeiras de Lea", con "As Leas" no Valadouro ou co asturiano "Llena".
 Cremos improbable que teña relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', por non ter uso claro para un topónimo relativamente frecuente.

A LEIRA do MORTEIRO (Cabanas)
Aquí "morteiro" estaría referido a "horta preto da casa, en particular onde se planta un viveiro de sementes".


O LIÑEIRO (Riobarba)
O termo "liñeiro" ten dúas acepcións principais: "liñar, terreo onde se cultiva o liño", e "persoa que se adica ao comerzo do liño" (cf. aquí). Xa en portugués, a acepción de "linheiro" é a de "persoa que negocia co liño" e "persoa que carda o liño" (cf. aquí).
É difícil unha escolla, por tanto, entre calquera das dúas acepcións principais: un terreo onde se cultiva o liño ou un terreo pertencente a unha persoa que trata co liño. No entanto, G. Navaza inclínase pola acepción de "liñar" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega" "aquí).

Xa outras dúas acepcións máis residuais, a de sinónimo de "leñeiro", lugar onde abunda a leña, e a de sinónimo de niño, cremos que non son usadas nesta zona, e non as cremos moi probables de teren sido usadas nun pasado.

A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

A LOBEIRA (San Román), AS LOBEIRAS (San Román)
O nome "lobeira" indica "sitio, gorida de lobos". Cf. aquí.

A LONGRA (Suegos)
Indicativo dunha terra ou finca longa abondo para ser referida con este adxectivo. O adxectivo "longra" é o mesmo que "Lóngara", derivada de "longa" a través do sufixo átono -ara. Este é un sufixo de orixe pre-latina, relacionado con moitos outros topónimos pre-romanos como "Láncara" (cf. e.g. aquí).

As LUCHAS (Cabanas)
Unha "lucha" é unha finca cultivada de pequeno tamaño. Cf. aquí.

O MAITUFE (As Negradas)
De (agru) Maitulfus, terras dun posuidor medieval, chamado Maitulfus nome de orixe xermánica (de maht "poderoso" + ulf "lobo").  Coa mesma orixe, existe o lugar de "Meitufe" en Valdoviño, mencionando esta orixe en 1937 por Piel. Cf. p. 46, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo V.
Ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que referise á propiedade dun agru/fundu, porén, tampouco podemos excluír que ese lugar teña sido antigamente un lugar habitado, concretamente unha uilla medieval (explotación agrícola).

MALLÓS (Cabanas)
O termo "malló", viría do latín malleolus, "pequeno martelo" (hai outro significado derivado, o de "chanta de vidra cortada en forma de martelo", ainda que non parece o que encaixe para este lugar). Cf. aquí.
Ao ser en plural, podería vir do apelido ou alcume familiar "Malló": o uso de plurais designando alcumes familiares é bastante común na topónimia galega. De feito, hai un "Malló" en Galdo, documentado en 1437 ao referirse a un "Garçia do Malloo". Cf. García Oro, J. (1987): "Viveiro en los siglos XIV y XV. La colección diplomática de Santo Domingo de Viveiro", in "Estudios Mindonienses", nº 3, pp. 11-132.

A MANGOEIRA (Suegos)
O nome deste illote posiblemente proveña da súa forma, parecida ao "mangoeiro", un dos dous constituintes (xunto co pértego) do mallo, o instrumento para mallar o cereal.

O MANIÑO, MANIÑOS (San Román)
O termo "maniño" significa "estéril", "baldío". Neste caso sería "o terreo baldío". Cf. aquí. O mesmo significado tén o termo analogo portugués maninho. Cf. aquí.
Derivada desta acepción xurdiu a de "terras desaproveitadas", que eran "tomadas" (daí o topónimo "Tomada", que cita Cunha Serra). Cf. Cf. p. 263, P. Cunha Serra "Estudos toponímicos" in "Boletim de filologia", Tomo XV.
E. Rivas indica unha acepción similar derivada para "maniño", de "terreo sen dono". Porén, non indica referencias deste significado. Cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007.

MANXARÍN (Mosende)
Posiblemente de (agru) Maniarini, forma en xenitivo de Maniarinus, hipocorístico de *Maniarius ou *Magnarius, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, incluíndo o elemento magenan 'poder'.

O MARÁN (Riobarba)
Posiblemente grafía alternativa por "O Merán" (ver este topónimo).

O MARCO (Riobarba), O CHAO DO MARCO (As Negradas, San Román, Suegos)
O nome "marco" refere a un lugar onde hai ou houbo un marco (pedra fincada no terreo, de límite territorial), talvez un marco medieval, ou un miliario romano, ou tamén unha pedrafita ou menhir.

As MEDAS de CASTRO (Suegos)
O termo "meda" é unha morea de mollos de cereal segado, e tamén ten a acepción de 'mámoa', ‘enterramento funerario prehistórico’ ou, en xeral, metafóricamente, a monte cónico con punta redondeada.
Este topónimo pode indicar, por tanto, a (antiga) existencia dun conxunto de mámoas nese lugar, onde houbo, nel ou perto del, un castro.


O MERÁN (As Negradas, Cabanas, Riobarba)
De "Monte merán", monte con "mera", "néboa miúda". A palabra "mera" é de orixe pre-romana, dunha raíz *m'r- (mar/ mer/ mir), relacionada coa auga.
Alternativamente de *(mons) Mirani, forma en xenitivo de Mira, nome de orixe xermánica. Cf. aquí.
Existe unha chea de topónimos "Mera" e "Merán" en Galiza. Hai mais "Merán" por exemplo en Galdo.

Os MARIÑAOS (Riobarba)
Posiblemente o xentilicio dos posesores do terreo, de seren "orixinarios da Mariña", no sentido da Mariña oriental, que é o que por defecto se entende por "mariñao" na Mariña occidental.

O MIDAL (As Negradas)
Probablemente de "o amidal", lugar poboado de ameneiros. É probable por estar preto de un regato.

O MILLÁN (As Negradas)
Referido ao nome da planta que aparece nos terrenos de cultivo, unha planta "poácea". Posiblemente esta herba se chame "millán" por medrar entre o millo e perxudicar o seu crecemento.
Cf. portugués Milhã.

MILLARIDO (San Román)
Onde abunda o millo, probablemente referido ao "millo miúdo", que era chamado "millo" antes de ter chegado o millo da América.

MOLEDOS (Vicedo)
O termo "moledo", do latín medieval molletum, significa "rochedo, colina" (cf. Du Cange). Aínda que esta acepción non a atopamos nos dicionarios de galego, si se atopa nos dicionarios de portugués, xunto coa acepción relacionada de "monte, xeralmente cónico, formado por pequenas pedras".
Nesta "praia dos Moledos", hai, efectivamente, unha pedra grande, por iso tamén é chamada "praia dos Castelos".
É un topónimo relativamente frecuente. En Benquerencia (Barreiros) existe a "praia de Moledo", con esta mesma acepción.


MONTE da ATALAIA (O Vicedo)
O apelativo "atalaia" indica un "lugar de vixiancia", e deriva do árabe aṭ-ṭalā’iʕ 'sentinelas'. Temos en galego a voz "atalaieiro" co sentido de "vixiante, outeador de baleas".


MONTE de CARTAS (As Negradas)
Este topónimo, frecuente en Galiza, posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.
Outra alternativa é a de referencia á "carta" de posesión, pois o significado do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.

Reforzando a hipótese das partillas: 

  • "As Tercias" existe nas Negradas, en Cabanas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos 
  • "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido, 
  • En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e "As oitavas". 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas", en Monterrei.
Cf. aquí.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Isto está documentado noutros sitios, así o "Carto d Viño" en Beade, que refere a un foro (cf. aqui). Porén, esta parece improbábel noutros casos, tais como unha "xesteira" no Valadouro, improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.

MONTE das CARRACHAS (As Negradas)
As "carrachas" son os parásitos que crían entre felgos e matos e se alimentan zugando o sangue dos animais. É unha palabra de orixe prerromana.
Existe outro "Monte Carracheiro" nas Somozas.


MONTE da CHAEIRA (As Negradas)
Terreo chan, do latín planaria.


MONTE da MEDORRA (As Negradas)
Unha "madorra" ou "medorra" indica un "antigo monte de pedras ou cascallo" (cf. "Antas de Portugal" aquí), e por extensión, aplícase a lugares onde houbo unha "mámoa", túmulo megalítico prehistórico. Nos dicionarios galegos é, en efecto, interpretada como sinónimo de "mámoa".
Ficamos, xa que logo, coa dúbida de se houbo mámoa ou non, a priori semella que si.

MONTE da POXETA (As Negradas)
Ver "A Poxeta".


MONTE do BÉRTALO (Riobarba), Muíño do BÉRTALO (As Negradas)
O nome "Bértalo" é un antropónimo, hipocorístico de "Bertomeu", que ten a orixe na raíz *Bert-, do xermánico gótico Bairhts 'claro, ilustre' (cf. páx. 277 de E. Förstemann, 1900, "Altdeutsches Namenbuch").
A forma análoga "Bertal", presente na toponimia galega e portuguesa, foi analizada por Joseph Piel, que a referiu á indicada raíz Bert-, e a segunda parte -al derívaa de waldan 'administrar' (cf. p. 230 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II).


MONTE do CURRUCHO (As Negradas, Riobarba)
O significado de "currucho" é similar ao de "curruncho", no senso de "sitio apartado, escondido".
Tamén podería ser derivado de "curro", mais non se encontraron referencias.
Existe outro "currucho" nas Somozas.

MONTE dos MALATES (As Negradas)
Posiblemente relacionado cos "malatos" (posiblemente "enfermos de lepra").
Alternativamente, de orixe prerromana, relacionado coa raíz indoeuropea *mel- 'aparecer, emerxer', o cal acontece neste topónimo, localizado nunha zona de encosta.

Para máis detalle, ver >>aquí.


MONTE SOLLOSO (O Vicedo)
Situado no promontorio da "Vixía do Vicedo", aínda que non o recolle a toponimia da Xunta, si vén recollido (aquí).

O adxectivo "solloso" indica "soleado", lugar abrigado onde dá o sol, posiblemente situado no lado sur dunha montaña ou dunha encosta.
Neste caso concreto, a cara oriental do promontorio é chamada "Monte Ventoso" e a occidental "Monte Solloso", co cal parece confirmarse a interpretación.
Aínda que máis improbable, tampouco se pode descartar unha orixe alternativa en relación a un elemento da hidronimia prerromana *sal- ou *sol- . De feito, existe o "río Solloso", afluente do Sor, e neste caso está na beiramar.
Existe outro "Solloso" en Chavín, outro no Valadouro e outro nas Pontes.

A MORZOEIRA (Riobarba)
Posiblemente este topónimo derive dunha voz prerromana, en concreto dunha protoforma *mord-ya > morça > morza, da raíz indoeuropea *(s)mord- 'cheirar, feder'. Indicaría, por tanto, que nun pasado era un lugar con auga apozada e fedorenta, talvez unha lagoa ou pántano. A este respeito, B. Prosper indica que probablemente a raíz *(s)mord- teña sobrevivido nun gran número de hidrónimos na península Ibérica, entre os que inclúe "Mardancho" (Cantabria, Rioja) e "Mordabal" (Salamanca). Cf. p. 127 de B. Prosper "Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica". 2002.

A evolución non presenta problemas: *mord-ya > *morça > *morza, e de aí engadiríase o sufixo romance -eira. Este sufixo romance indícanos que o uso do apelativo prerromano *mordya debía conservarse aínda no romance medieval.

Descartamos que "morzoeira" proveña dunha deturpación de "marzoeira" pois, alén de non ter significado claro, sería extraño dada a viveza dos termos "marzo", "marzal".

A MOTA DE MOUTILLÓS (San Román)
Posiblemente un pequeno "forte defensivo" altomedieval, con foso (ver imaxes aquí).
Os dous nomes, "mota" e "moutillón", reforzan o mesmo significado:
Os dicionarios galegos definen "mota" como montículo, de poca altura, que se ergue nun terreo chao. Por extensión, aplícase tamén a terrapléns. Nalgunhas zonas (non nesta) reférense a "mámoas".
As "motas" eran orixinariamente pequenos outeiros de terra erguidos artificialmente que na súa zona superior contaban cunha pequena fortificación en madeira ou pedra.

En canto a "Moutillón", derivado de "mouta", que o dicionario define como "zona de mato", e tamén coa acepción de "tumulo de area rente ao mar, no que nace a herba". É sinónimo de "mota" e podería ter a mesma orixe. En portugués mouta tamén se define como "Conxunto espeso de plantas de pouca altura". No portugues minhoto, tamén existe o nome, con grafia portuguesa moutilhão, definido como "montículo ou pequeno outeiro".

As orixes etimolóxicas de "mota" e "mouta" son incertas. Hai quen deriva, tanto "mota" como "mouta" dun antigo "molta", con significado de "morea" nun senso totémico. Cf. aquí.

Mais información sobre o sitio: ver aquí.

As MOTAS, Río da MOTA (Suegos)
Os dicionarios galegos definen "mota" como montículo, de poca altura, que se ergue nun terreo chao. Por extensión, aplícase tamén a terrapléns. Nalgunhas zonas (non nesta) reférense a mámoas.
As motas eran tamén pequenos outeiros de terra erguidos artificialmente que na súa zona superior contaban cunha pequena fortificación en madeira ou pedra.

O MOUTELLÓN (Suegos)
Derivado de "mouta", que o dicionario define como "zona de mato", e tamén coa acepción de "túmulo de area rente ao mar, no que nace a herba". É sinónimo de "mota" e podería ter a mesma orixe. En portugués "mouta" tamén se define como "Conxunto espeso de plantas de pouca altura". No portugues minhoto, tamén existe o nome, con grafia portuguesa "moutilhão", definido como "montículo ou pequeno outeiro".

O MUÍÑO DE GRANDÍO (Cabanas)
O nome "Grandío" refere ao apelido dun antigo (ou actua) posuidor. Este apelido podería provir do nome de orixe xermánica *Ganderedus.


MUÍÑO de ROLDEIROS (Riobarba)
Os proprietarios serían varios, parceiros, e por tanto o uso sería en "rolda" (ronda).

MUÍÑO do VINCULEIRO (Mosende)
O "vinculeiro" era o nome que recibía o herdeiro ao que lle correspondía a mellora nas partillas, correspondendo polo xeral ao primoxénito, o fillo varón máis vello. O nome "vinculeiro" indicaría o concepto de preservador do vínculo entre dúas xeracións.
Do mesmo modo que sucedía noutras partes de Europa, as partillas con melloras máis significativas ocorrían nas zonas de montaña (cf. p. 75 de "Antropología histórica de la familia", M. Segalen, 1992).
En certas zonas, conceptualizábanse os bens "vinculares", de vínculo, suxeitos ao perpetuo dominio dunha familia, existindo unha certa institución familiar de "Vinculeiro", parecida á do "Patrucio", co obxectivo de preservar íntegro o patrimonio familiar. Cf. aquí.


Os MURUXÁS (Cabanas)
Terreos onde nace a "muruxa", ou "meruxa", unha herba de flores brancas, que se dá en sitios húmedos, moi común en Galicia. Tamén chamada "herba paxareira". Cf. aquí.

O NABAREGO (Mosende)
Aínda que grafado con "b", non deriva de "nabo" senón de "nava" (chaeira rodeada de montes), estando así relacionado con topónimos como "Os Navallos" en Riobarba e "O Navallo" en Mañón.
O sufixo -ego, polo xeral de orixe prerromana, reforza esta hipótese de relación con "nava", o cal é tamén un apelativo de orixe prerromana.

Os NABAOS (San Román do Vale, Riobarba)
Aínda que grafado con "b", cremos queposiblemente non derive de "nabo" senón de "nava" 'chaeira rodeada de montes', do mesmo modo que se rexistra o topónimo "Os Navallos" en Riobarba e "O Navallo" en Mañón, "O Nabarego" en Mosende.

Os NOVÁS (Suegos)
De "os (agros) novás", plural de "noval", finca nova. O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. aquí.

O OUTÓN (Mosende)
Aumentativo de "outo", forma antiga por "alto". Existe o mesmo topónimo noutras zonas galegas, como en Carballo, Porto do Son, etc.

O PACIO (As Negradas), O PAZO (San Román)
Xeralmente, o termo "pazo" derívase de palatium, usado no sentido de "casa señorial".
Porén, o lugar nas Negradas onde se encontra "O Pacio", de monte, non parece que tivese un palacio nen nada parecido, nin hai rexistros del nin o sitio parece apropiado para iso. Podemos pensar, talvez, nun valor irónico. Este é un caso máis do abondoso deste topónimo en Galiza, que dificilmente en moitos dos casos semella poder corresponder cos palatium latinos no sentido de "casa señorial".

J.J. Moralejo puxo en cuestión a orixe latina, e refere estes topónimos a un prelatino indoeuropeo *palatio, que designaría unha especie de curro, lugar pechado onde os pastores recollían temporalmente o gado, harmonizando co sentido etimolóxico de "pastoriza" (cf. J. Moralejo, "Callaica Nomina", 2007)

Sexa como for, na Alta Idade Media xa a forma paaço tomou a acepción actual de "casa señorial", edificación de residencia de familia nobre.

Un estudo sobre etimoloxía asturiana, dá unha terceira acepción, relacionada coas outras dúas: en Asturias, parece que o "casar" (latín casam), referencia un conxunto de construcions individualizadas dentro dun núcleo de hábitat, e Palaciu (latín palatium), que se refere a un lugar construido un tanto lonxe do núcleo populacional. Cf. tamén aquí

As PALANCAS (As Negradas)
Probablemente relacionado co elemento prerromano *pal(l)-, presente en topónimos como "A Paleira" 'cavidade que serve de refuxio ou vivenda a certos animais'. Cf. aquí.
O termo "pala" tén certa vixencia na área galego-portuguesa, ás veces con valor arqueolóxico, tanto para aludir a dólmens canto a abrigos rochosos. Cabeza Quiles indica que "pala" é o «termo usado nas serras galegas onde hai caliza para nomear as covas que alí se forman».
No caso de "palanca", esta orixe parece reforzarse ao levar o sufixo prerromano -anca, abundante na toponimia galega.

A PALLOZA (Cabanas), AS PALLOZAS (Cabanas)
Derivado de "casa palloza", tamén chamada "pallaza", construción típica con teito cónico de palla de centeo. Era preciso renovar cada 15 anos con palla nova o teito (un grosor duns 40cm, cf. aquí).
Neste caso, como topónimo, parece indicarnos que cando se comezou a denominar así, o teito de palla era xa infrecuente.
As "casas palhaças", citadas en Gil Vicente ("Auto da Feira"), son casas cubertas de palla de centeo, análogas en significado ás pallazas ou pallozas dos Ancares. A denominación de "casa pallaza" é tamén frecuente en documentos notariais de Zamora e Salamanca. Cf. aquí.

Os PARAÑOS (Suegos)
O apelativo "paraño" figura no dicionario de Leandro Carré como "lugar amparado, protexido" (cf. aquí). Podería significar "terra con certos "privilegios", tamén recollido así en portugués."
Outros significados, como "aparador" ou o tamén recollido en portugués de "pedra da parte superior da boca do forno, en forma de viseira", poderían facer referencia, neste topónimo e nos que aparecen nos concellos cercanos (en Sumoas, en Valcarría, en Covas, etc), a pedras asociadas a construccións megalíticas antigas (de feito as furadas dos dolmens son chamadas na nosa toponimia "fornos" ou "fornos dos mouros").

A PASADA (Mosende, As Negradas, Riobarba)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso, xeralmente de paso de río, a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". Esta acepción consérvase na toponimia de toda a zona: en Mañón, en Viveiro, en Muras, en Xermade, no Vicedo.

A PATEIRA (Cabanas, Riobarba)
O apelativo "pateira" ten varias acepcións, entre elas a de "pequena lagoa ou poza onde paran os patos selvaxes". Tamén a de "pequeno lugar (covacha, gaiola, galiñeiro) onde se crían patos, capóns, etc". Cf. aquí
 Tamén se chama "pateira" á pedra do forno, debido a que as "pateiras" dos patos e capóns estaban colocadas preto do lar.

A. Fernandes  interpreta os topónimos portugueses "Pateiro" e "Pateira" como "lameiros", derivados metaforicaente de "pato" por ser este amigo deses sitios. (cf. A. Fernandes, 2001. "Toponímia de Ponte de Lima").

Joseph Piel ten interpretado o topónimo "Pateira" como zootopónimo, en canto a abundancial de "patos" (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).

No caso que nos ocupa, trataríase posiblemente dun zootopónimo, indicando lugar onde paran os patos, en sentido real ou metafórico pola abundancia de auga ou lama que habería. 

PEDRA CHANTADA (As Negradas, Riobarba)
Este é un topónimo bastante frecuente, e podería indicar a presencia no lugar dun marco, ás veces prehistórico (menhir), outras veces un marco, medieval ou máis moderno, limitador de territorios (por exemplo de parroquias).

O PEDRÓN (Suegos)
Pedra fincada, chantada, "pedrafita", 
e podería indicar a presencia no lugar dun marco, ás veces prehistórico (menhir), outras veces un marco, medieval ou máis moderno. Outras veces simplemente significa un pedroulo ou pedrouzo. Cf. aquí.

As PEGUEIRAS (Riobarba)
Posiblemente a orixe estea no latín picaria, lugar de extracción de brea, onde se prepara a pez (= latín pix, picis).


A PELOUREIRA (Cabanas)
Lugar onde abundan os "pelouros" 'grandes 
pedras redondeadas'.

PENA da BÓUTARA (Suegos)
Coidamos que o máis probable é que "bóutara" (="bouta", tola) , neste caso, non corresponda a unha caracterización de comportamento humano, senón que proveña de "Pena do boutre", sendo a evolución a "bóutara" por etimoloxía popular, ao terse perdido o significado de "boutre".
Porén, o sufixo átono -ara, o mesmo que en Gándara, Lóuzara, etc, parece levarnos para unha orixe prerromana. Hai un topónimo "Móutara" nun monte nas Nogais, que podería estar relacionado nesta dirección.


PENA da CATAVERNA (As Negradas)
Probablemente un termo prerromano. Véxase explicación detallada >> na entrada específica no blogue.


A PENA DA VELA (Suegos)
Probablemente "vela" signifique "sentinela", indicando posto de vixilancia. Existe unha grande cantidade de topónimos "Pena da Vela", "Monte da Vela", que confirman esta orixe.
Descartamos, pola razón anterior, e para este topónimo, asignarlle a mesma orixe que Nicandro Ares propón para outra "Vela", derivándoo do antropónimo xermánico Vegila.


PENA do MASCOTO (As Negradas), Monte MASCOTO (As Negradas)
O termo "mascoto", aínda que non se conserve no galego actual, si se conserva en portugués, e é unha especie de "mazo", ben grande de metal ou ben de madeira. Cf. aquí. En galego si se rexistra "mascota" 'maza de canteiro'. Cf. aquí

As varias "Penas do mascoto" e "Monte do mascoto" existentes na xeografía galega referirían metaforicamente á forma de mazo que presenta a pena ou monte.
Alternativamente, podería ser un termo orónimo prerromano que incluiría o coñecido elemento "coto".


PENA do RODEIRO (As Negradas),
Rodeiro designaría outeiros ou montes de cumes chans ou redondeados (Cf. Cabeza Quiles).

A PENA DOS BOIS (As Negradas)
O termo "boi" neste topónimo, pode provir ben do significado obvio, ou ben da raíz prelatina *boi- "rocha, pedra", e por tanto reforzaría o significado, "pena das rochas".


PENAFITA (O Vicedo)
Situado no promontorio da "Vixía do Vicedo", aínda que non o recolle a toponimia da Xunta, si vén recollido (aquí).

Deriva do latín pinna ficta 'pena fincada'.

O PENSO (San Román)
Este é un topónimo relativamente frecuente en Galiza, e non ten relación co alimento para animais, senón probablemente deriva de pensum, participio de pendere. Indicaría, por tanto, "terreo en pendente".

O PEREIRO (Varios), O COTO DO PEREIRO (San Román),
A orixe do topónimos "Pereiro(s)" pode estar relacionada con pirariu, coa árbore que da peros ou con petrariu ''lugar pedreiro, pedregal'. Nalgúns casos, como no Pereiro existente nas Negradas, dada a orograría onde se ven as penas, parece probable a orixe en petrarium.

Os PEREIRÓS (San Román)
Forma en diminutivo de "Pereiros". Ver "Os Pereiros".


Os PETOUTOS (As Negradas)
O apelativo petouto figura nos dicionarios co valor de 'elevación', 'coto',  'penedo' (cf. DDD).
A familia de termos petouto, peteiro, petón, petar, teñen orixe prenomana .

Os PIAGOS (Suegos)
Os termos "peago" e "piago" referen a unha poza profunda de auga, xeralmente nun río. En efecto, este termo é definido por Piel como "sítio fundo do mar ou de um rio". Cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.

As PICARÍAS (As Negradas)
Posiblemente a súa orixe sexa do latín piccaria ou picaria (lugar de extracción de brea), ainda que resulta extraño que neste caso non tivese evoluído para "Pegueiras" ou "Pigueiras", como se recolle noutro topónimo do concello.


O PINAL DO BISPO (San Román)
O termo "Bispo", do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar. Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal.
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal é frecuente na documentación altomedieval. Cf. p.158 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)".


Os PLEITOS (Cabanas)
Este termo viría referido ás disputas entre particulares polas lindes ou pola propiedade do terreo.

A PONTE DO PORTO (Riobarba)
Topónimo transparente, referido á existencia dunha ponte nun "porto" de río. Ou sexa, antes da existencia da ponte xa era un vao, un lugar por onde se cruzaba o río.

En efecto, os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.
Por outra banda, é interesante reparar que Ferreira Priegue vencella os Portos con postos nos que se cobraba unha pasaxe, imposto ao tráfico de mercadorías, un portus: "En el imperio romano un portus era un puesto fiscal donde se pagaban impuestos de circulación y tráfico de mercancías (portorium) de tipo de los posteriores peajes y portazgos". Cf. E. Ferreira 1988. "Los caminos medievales de Galicia".  Ourense 1988.
Houbese "imposto de pasaxe" ou non, neste lugar, antigamente un núcleo de poboación, sitúase unha antiga ponte que cruza o río Sor que podería tratarse dunha ponte medieval, pertencente ao antigo camiño real entre Viveiro e Ortigueira.

PONTIDE (Riobarba)
Talvez de (uilla/agru) Pontiti, forma latina en xenitivo do nome dun posuidor chamado Pontitus. No entanto, cómpre indicar que é soamente unha mera hipótese, xa que descocemos rexistros deste nome en Galiza.
Tamén podería derivar de "ponte Titi", referindo a unha ponte de Titus.

Os PONTIDES (As Negradas)
Terreos de "Pontide", ou sexa, terreos que pertenceron a unha persoa orixinaria de Pontide (Suegos) ou apelidada "Pontide".

O PORGALLAL (Mosende)
Tal vez derive de "Porto Grallal", porto de montaña onde abundan os grallos (especie de corvos).

A elisión do segundo -r- tería ocorrido por disimilación (o mesmo que *traberna > taberna).

Dado que os Por- poden provir entre outros de Porto ou de Pero, sendo neste caso  o nome dunhas terras de cultivo, podería vir dun posuidor chamado "Pero Grallal".

PORTOVEDRO (As Negradas)
Composto de"porto vedro", indicando un 'porto antigo'. É unha pequena enseada na ría, e antigamente serviría, por tanto, de lugar de atraque de botes, o cal aínda ocorre na actualidade.
 
A POULA (Suegos)
Do latín ad pabula, "terreo ou prado deixado temporalmente para pasto".


POULO (As Negradas)
O mesmo que "Poula" (ver máis arriba).

O POUSADOIRO (As Negradas)
O "pousadoiro" designa "sitio de descanso", "lugar do camiño, por veces un poio, onde se pára para pousar a carga transportada nas costas ou na cabeza" (cf. DDD). Semella tamén axeitada e concreta a definición antiga dada por Viterbo: "lugar que ficaba no fin e termo de algunha subida, onde naturalmente depón o seu peso e descarga o camiñante, o xornaleiro" (cf. Viterbo, "Elucidário", 1798).

No caso concreto das Negradas, este lugar quedaba despois da costa da "Congostra", o cal confirma o significado do topónimo.

A POXETA (As Negradas), A PUXETA (Mosende)
Tense recollido oralmente o nome "poxeta" ou "puxeta" que significa "arbusto similar á xesta".
O termo recóllese en toda a zona, así por exemplo "A puxeteira" nas Somozas, "A pena da puxeta" no Viveiró. Existe "O Poxetal" en Cedeira, e "Puxetal" en Cerdido, co sufixo abundancial usado para plantas e outros.

PRUMASDOURO, PRUMARDOURO, PLUMAR DE OURO 
(As Negradas)
A forma "Prumar-douro" indícanos a oixe correcta, en "Pumar d'ouro". Sendo "pumar" unha plantación de maceiras, o termo "ouro" indicaría a excelencia deste "pumar".
O termo "Ouro" podería ser, alternativamente, derivado dunha forma prerromana *Aurio, tal como ocorre no caso do río Ouro, na Mariña.

PUNTA da SAMESUGA (As Negradas)
A "samesuga" é un verme que suga o sangue (do latín sanguisuga, "sangue-suga"). Outrora usado na medicina tradicional para sangrar feridas, curar derrames, etc.


A PUNTA DOS MONXES (Suegos)
O nome deste pequeno cabo, "dos monxes", pode ser no senso de "dos munxes", punta "onde abondan os munxes", xa que na zona de Viveiro chámase "monxe" ao peixe mugil cephalus.

É frecuente a referencia a peixes na toponimia costeira, así temos un "Pozo dos Monxes" na foz de Cervo, "A Bogueira" en Barreiros, a punta "Besugueira" en Burela, a "Punta dos Mógaro" en Nois, "Punta de Anguieira" en San Cosme, etc.

QUELLE (Riobarba)
O mesmo que "cale" ou "canle", tanto no senso de "canal" como no de "declive, pendente, parte baixa dunha finca ou monte".
Noutras zonas chámase "quella" (con grafía quelha en portugués), así como as correspondentes formas nas que a nasal evoluíu para "n", dando "quenlle" e "quenlla".

Tamén podería proceder do apelido dun antigo posesor. O apelido Quelle abunda na mariña Occidental, tendo a maior frecuencia no concello de Xove.

As QUINTAS (As Negradas)
Sendo plural e nun terreo onde non consta que tivese habido edificacións, non parece que veña de "quinta" no sentido de "casa de campo con herdade arredor", senón que podería ter derivado dunha partilla de finca efectuada a quintas, ou ben dun pagamento de foro consistente nas quintas partes do producido pola finca.
Sería un caso análogo ao de "As Tercias", que é tamén bastante frecuente na toponimia galega.
Rexístranse tamén en moitos outros sitios en Galiza, como e.g. en Mañón e en Burela.

As REGAS do POLAIMO
 (Cabanas)
Unha "rega" é definida (cf. aquí) como "angostura formada pola unión das faldas de duas montañas, que costuma ser cauce dun rego. Sería por tanto un "Pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida unha orixe prerromana, dunha raíz paleoeuropea *rek-. Cf. E. Bascuas aquí.

Canto a "Polaimo", posiblemente sexa referido a "Pelamio", lugar onde houbo curtidorías de pel. Cf. Cabeza Quiles "Os nomes de lugar"
Tamén pode vir referido a posuidores que eran curtidores.
É un topónimo frecuente, incluíndo as formas "Pelaimo" e "Palaimo". A pronuncia "-o-" por "-e-" é debido á variabilidade articulatoria en galego das vocais átonas. Así, existe, por exemplo, "Palaimo" en Ourol.


REGO de ANIDO (As Negradas)
O topónimo "Anido" ten unha orixe na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses" 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).
Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun rego.

Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares (< *an-aris), Ar (< *an-are). É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro". Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido".
Cabeza Quiles propón unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu> sono (cf aquí), non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.
Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter tamén a mesma orixe temática.

"Anido" é un topónimo frecuente en toda a Mariña (Mañón, A Rigueira, Cangas).

REGO do ARO (San Román)
Posiblemente o significado de "Aro" estea relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Para máis detalles.Ver a entrada específica de blogue >>> aquí.


REGO de SAPOS, O REGO dos SAPOS (As Negradas)
Probablemente corresponda co significado obvio, aínda que tamén é interpretado cun significado hidronímico e unha orixe prerromana, posiblemente indoeuropea (cf. aquí).
Este topónimo, frecuente en Galiza, hai outro "Rego dos Sapos" en Muras.

As REGOÑAS (Riobarba)
Regoña deriva de "rega". O dicionario defínea como "baixada dun monte na que costuma haber pastos no verán." Cf. aquí.

As REIGADAS (Riobarba)
Do latín radicatas, posiblemente indicando terras nas que abondan as raíces. Existe o verbo "arreigar", "botar raíces". Cf. aquí.


O RENDO (Suegos)
Probablemente "Rendo" sexa un derivado do latín ranetam, lugar onde abundan as rás (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).
Tampouco se pode desbotar que "Rendo" se trate dun alcume do (antigo) posesor do terreo. No entanto, cremos descartable a hipótese que temos visto de que derive dun nome  de posesor Randus, de orixe xermánica: a evolución de Rando > Rendo é moi improbable, en canto que o "a" tónico talvez sexa a vogal máis estable no galego.

A RESTREBA (Cabanas, Mosende, Riobarba, San Román)
As "restrebas" (do latín restipula) son as couces das pallas ou canas de cereal que quedan presas á terra despois da sega. Sinónimo de restreba é "restrollo" en galego (restrolho en portugués). En portugués existe co mesmo significado e mesma orixe "resteva".

O RESTREBÍO (Mosende)
Lugar con restrebas. Ver "A Restreba".


A REVOLTA (Riobarba)
O termo "revolta" refere unha curva de río. Cf. aquí. Tamén ten esta acepción en portugués. Cf. aquí.

O RIAL (Riobarba, Suegos)
Do latín (locus) rivalem, "sitio á beira do río". Esta é a hipótese de J. Piel, para quen as formas "Real" e "Rial", frecuentes na toponimia menor de ríos, serían formadas a partir de "río", o mesmo que "ribeiral" a partir de "ribeira". Cf. "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945.
Sen documentación que o xustificase, debemos supor non teren relación ningunha con reguengos ou dominios de reis.

Existe un "Río do Real" en Muras.

O RÍO DA ARCA (As Negradas)
O termo "arca" indica polo xeral un dolmen ou túmulo descoberto. As "arcas" ou "mámoas" eran usadas frecuentemente como marco entre dúas comunidades, e por iso, ás veces "arca" indica un antigo marco divisorio.

RÍO SOR (Varios)
O topónimo "Sor" é de orixe prerromana, como a maioría dos grandes ríos europeos. Ver a entrada Río Sor para máis detalles.

A RUDA (Suegos)
Podería vir do nome de varias plantas chamada "ruda". Cf. aquí.
Tampouco podemos desbotar que veña do alcume dunha antiga posuidora.

O RUDEIRO (As Negradas)
Ver "Pena do Rodeiro".


A SARTÁN, A SERTÁN, ASARTÁN (As Negradas)
O adxetivo "sertán" refere a un ‘terreo pouco fondo, con exceso de humidade, pouco produtivo e de mala calidade’ (cf. DdD).
"A sartán" trátase, por tanto, dun antigo adxectivo substantivizado. Pola comarca hai máis Sartán, como e.g. en Celeiro (Viveiro).

O SEIXAL (As Negradas)
Terreo con "seixos", con sufixo abundancial "-al".

SES (San Román)
Orixe incerta. Podería provir da palabra de orixe prelatina *seles, plural de *sel. Este nome pervive na toponimia de Asturias, Cantabria e Biscaia, significando "campeiro onde acostuma sestear o gado". Cf. aquí aquí.

O SOUTO (varios)
Do latín saltum, que orixinariamente significaba "paso estreito entre montañas, rexión forestal ou bosque situado nun desfiladeiro"; despois pasou as significar "bosque de castiñeiros e por veces de carballos".
A importancia da castaña na alimentación en Galiza era máxima até a introdución da pataca, daí a abundancia dos topónimos "souto" en Galiza.

SUA IGREXA, SUAS REGAS, SUPRADO, SUCAMIÑOS, etc,
A forma "su", polo xeral é entendida como "debaixo de". Porén, para sermos precisos, debe entenderse como "ao pé de" (="a carón de", "pola parte de baixo de", "debaixo e pegado a ").  Cf. J. Gª Sánchez. "El elemento 'sub' (>so) en toponimia. Reconsideración de su valor. Jairo" 

SUELA (As Negradas)
Aínda que este topónimo semelle incluir a preposición su-, como ocorre no comentado Sucamiños, Suprado, etc, cremos que non ten que ver.

En efecto, xa mencionaba o ilustre J. Piel un topónimo "Soela" atestado en Portugal no século XIII, que derivaba de Sunila, nome do antigo posuidor, nome de orixe xermánica, da raíz sunja- 'verdade' (alternativamente de sona 'expiación') e máis de hild 'batalla'. Cf. "Soalhães", p. 349, J. Piel "Os nomes germânicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II.

A conservación do -l- podería ter ocorrido a partir dun Sunilla, tal como tamén indica Piel que figura atestado no século XI en Portugal.

É importante notar que, aínda que o nome sexa de orixe xermánica, isto non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media, usados independentemente da procedencia da persoa.

Así mesmo, tamén é de notar que, ao non corresponder na actualidade cun núcleo de poboación, supoñemos que referise á propiedade dun agru/fundu, porén, tampouco podemos excluír que ese lugar teña sido antigamente un lugar habitado, concretamente unha uilla medieval (explotación agrícola).

O TEGO de PAN (Cabanas)
O "medio ferrado de pan". Un "tego" era unha medida superficial e de gra equivalente a medio ferrado. O termo "pan" confirma este significado.

TEIXEDAS (San Román)
Lugar que está ou estivo poboado de teixos, árbore conífera de nome científico Taxus baccata.

AS TERCIAS (Cabanas, Mosende, Riobarba, Suegos)
Posiblemente derivado dunha partilla de finca efectuada a tercias, ou o "tercio" da herdanza que as leis deixan á libre disposición do testador.
Rexístranse tamén "Cartas" nas Negradas, etc.

A TORNA (San Román), O TORNO (As Negradas)
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga", probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

A TORRE (As Negradas, Riobarba -lugar do Chao, Suegos)
O termo "torre" nestes topónimos non se refere estritamente a torres , senón a casas fidalgas ou de casas grandes, de labradores ricos.

O TORRILLÓN (As Negradas)
Lugar onde hai un barranco pronunciado. A priori, o termo parece derivado de "torre", e esta é a acepcion clásica para o termo. Sendo unha localización perto da ría do Barqueiro, podería ter sido unha torre de vixiancia, ou ben restos de castro. Porén, a zona non semella axeitada para torre de vixiancia, por non ter visibilidade axeitada. Tampouco se coñece ningun resto de edificación ou habitación na zona.

Cremos máis probable interpretalo con orixe prerromana, quer no tema *tur- 'altura', quer na raíz indoeuropea *ter- 'frotar, fluír' ou da tamén raíz indoeuropea *twer- 'arremuiñar, precipitarse'.

Reforzando esta hipótese, está o feito de o sufixo -ón corresponder en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cf. aquí: F. Villar, "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana"). Hai topónimos análogos noutros lugares da Península, como varios "Torrija(s)", que ninguén deriva do famoso postre.

Se procuramos voces similares, podemos atopar o topónimo "Turullón" en Aragón, que se relaciona co apelativo turrujón ‘puntal, saliente de montaña’ que recolle Andolz en Ejea de los Caballeros (cf. "Diccionario aragonés. Aragonés-castellano y castellano-aragonés".4.ª ed. 1992). Esta acepción encaixaría perfectamente co topónimo galego.
Na Mariña hai outro Torrillón na Rigueira (Xove).

Os TRAVESEIROS (San Román)
Terreos ou agros cunha disposición transversal aos outros.

Os VAGOS (As Negradas)
De "terreos vagos", do latín vacuus, Os dicionarios danlle as acepcións de " terreos incultos", "terreo sen propietario", e "terreos sen produción que se destina a servizos agrícolas, como os currais, as eiras".Cf. aquí.
Dada a situación neste caso, relativamente lonxe das casas, podería tratarse de terreos que, por algunha razón descoñecida, quedaron sen cultivar ou sen propietario.

O VEDRO
 (As Negradas, Cabanas, Riobarba, San Román, Mosende, Suegos), O VEDRÓN (Cabanas)
O topónimo "vedro", en xeral, procede do latín veterum "vello".
Outra alternativa é significando o "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". Derivado deste caso temos por exemplo "O Vedrón" en Cabanas.

Non podemos descartar tampouco que nalgún caso proveña do latín blitum, a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado".
Como sempre, a documentación antiga axudaría.


A VEIGA DOS RENDOS (San Román)
Probablemente "Rendos" sexa un derivado do latín ranetam, lugar onde abundan as rás (cf. J. Piel, "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).
Tampouco se pode desbotar que "Rendos" se trate dun alcume familiar dos (antigos) posesores da veiga.

A VELA
 (Riobarba)
Lugar de vixiancia. Ver "A Pena da Vela".

A VESURA (Riobarba), As VESURAS (Cabanas)
É un topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.Posiblemente derivado de "vesar", "Arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego". Cf. aquí.

VIELA DA SERRA (Cabanas, Riobarba)
O termo "viela" ten varios significados. Neste caso sería diminutivo de vía, "pequena vía". Cf. aquí.

VILLABRIL (As Negradas)
Foi un lugar habitado até época recente. O Diccionario Geográfico de Madoz, rexistra que 14 persoas moraban nese lugar en 1850 (aprox).


Provén dun nome de posesor. En concreto, podería provir de Uilla Aprilii, dun antigo posuidor chamado Aprilius, nome de orixe latina (cf. H. Solin e O. Salomies, "Repertorium nominum gentilium et cognominum Latinorum"). De feito, para a poboación de Asturias chamada "Vilabriye" (Pesoz), indicaba Piel "sem dúvida" a orixe en Villa Aprilli(i) (cf. Biblos).

Alternativamente, podería vir de de Uilla Berildi, dun antigo posuidor chamado Berildius, nome de orixe xermánica. Tería evolucionado *Uilla Berildi>*Vilabrille > Villabril. É importante notar que figura atestado, nun pergameo mindoniense do século X, un Villare Berilli, actualmente non identificado, mais que debeu estar situado na contorna da actual parroquia de Santa María de Bares (Mañón).
Sexa como for, figura xa claramente atestado no século XVII, con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago). Cf. p. 178 de Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2, 1986.

As VIÑAS (As Negradas, San Román, Suegos)
Topónimo transparente. Existen datos sobre a produción de viño na zona, así por exemplo, en 1738 é documentada unha colleita en Suegos de 177 arrobas de viño. En 1818 foi de 80 arrobas na parroquia de Suegos, 95 na do Vicedo, 30 na de San Román e 210 nas Negradas.

A mediados do século XIX os viñedos sufriron a praga do oidium, que apareceu en 1852, e que acabaría en moi pouco tempo coas viñas. Dous anos despois xa non se recolleu en toda a comarca nin un só barril de viño e comezaron a arrincar as viñas, das que xa soamente quedaría os topónimos.

O VISO (Suegos, Riobarba)
O termo "viso" significa "altura, lugar elevado, con boa vista".

O XARAL (As Negradas)
Terras onde abunda o "xabre", unha terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito".
Tampouco se pode descartar a acepción alternativa de "lugar onde abundan as xaras", a planta de nome científico cistus ladanifer.
Existe tamén "xuxarrido", de "xarrido" en Bares e varios "Xaral" na contorna, como nas Grañas do Sor e en Viveiro.

O XARDÍN (As Negradas, Riobarba, San Román, Suegos)
Posiblemente este topónimo se refira ao significado obvio, e probablemente nun sentido metafórico (positivo ou pexorativo), pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para ser un xardín (e.g. cando están lonxe de lugares habitados).

Segundo Crespo Pozo, xardín tería a acepción de "horto, horta pequena" (cf. J. S. Crespo, "Nueva contribución a un vocabulario castellano-gallego ..".Vol II, 1979).
No entanto, algún "Xardín" poida vir de Sardini, a forma en xenitivo Sardinus, indicando un antigo posuidor.

A XARXEIRA (San Román)
Chámase "xarxeira" ao "salgueiro branco". Cf. aqui.

O XASTAL (As Negradas)
Transcrición da pronuncia común de "xestal", terreo con "xestas", con sufixo abundancial "-al".

XEÁN (Suegos)
De *(agru) Iuliani, dun posuidor medieval chamado Iulianus.
Hai outro "Pena Xeán" en Mañón, que xa está documentada como pennam Iuliani no ano 916, nun documento do rei Ordoño II no que dona ao bispo de Mondoñedo a freguesía de Santa María de Mogor e o vale de Bares. Cf. aquí (p. 20).

O XEBRE (Riobarba)
Posiblemente de "terreo xebre", significando terreo excelente, superior, limpo.
Tamén podería vir de "xabre", no sentido de "terra dura, areosa ou arxilosa, que hai que traballar coa picaraña".
Aínda que "xebre" sexa tamén o nome dado ás algas, aos argazos, este significado non é aplicable en Riobarba.

A XIRA (varios)
Unha "xira" é un terreo de labradío estreito e pequeno, posiblementesendo xira no sentido de paseo. É un significado habitual de "xira" neste concello´.


O XUGADOIRO (As Negradas -lugar de San Roque)
O xogadoiro era unha "praza que acostumaba a estar no centro das aldeas na que
acostumaban celebrar xogos". Encaixa neste topónimo por tratarse dunha zona de leiras chá, situada entre casas.
Hai outros "Xugadoiro" en Reboredo (Xuances).

A XURXEIRA (Riobarba)
Posiblemente de "xarxeira", "salgueiro branco". Cf. aquí.
Posiblemente da mesma orixe, existe o topónimo "Xarxeira" en San Román.

2 comentarios:

  1. Hola, boas tardes. Noraboa polo blog tan completo. A miña pregunta era en relación ao lugar das Maladas (Riobarba). Entedo que ten que ver con lugar onde se coidaba a enfermos de lepra. Mencionas algo do alto de malates tamén en Negradas. ¿Que razón de ser pode ter que haxa aí presenza dese nome? ¿Pode ser lugar de paso de peregrinos?

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Olá, moitas grazas pola noraboa e polos teus comentarios!.
      En canto á orixe de "Maladas", está tratado brevemente, indicando as varias hipóteses, en http://penadacataverna.blogspot.com.es/2013/04/maladas-malata-o-malato-os-malates.html

      O resumo sería : hai tres interpretacións para os moitos topónimos relacionados, as tres poden encaixar en moitos dos casos, e non se pode afirmar en absoluto que a hipótese de que teña que ver con enfermos de "malatía" (lepra) sexa a máis probable, senón que é simplemente unha das posibles. En xeral, inclínome máis pola orixe prerromana, da raíz indoeuropea *mel-, e indicaría "lugar elevado".
      En canto a lugar de paso de peregrinos: non sendo un experto en historia, sería temeroso pola miña parte dar unha interpretación.

      Eliminar