viernes, 7 de febrero de 2014

Apuntes sobre a toponimia do concello do Vicedo

Esta páxina achega un pequeno estudo da toponimia das distintas parroquias do concello. A microtoponimia (ou sexa, os non referentes a entidades de poboación) está definida noutra páxina. 

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome.
Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente.
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.

________________________________________________

ABEZÁN (Riobarba)
De *(uilla) Auezani, forma en xenitivo de Auezanus, o nome do antigo propietario da uilla ("explotación agrícola", "casal").

O ABELAEDO (San Román)
Terreo onde abundan as abeleiras.

AS ALPUXARRAS (As Negradas)
O significado e a orixe deste topónimo é controverso.
A orixe comunmente indicada é na raíz prerromana *alp- "altura, encosta, monte", cun sufijo *–rr- (vocalizado en –arra) de carácter mediterráneo indoeuropeo. É importante notar que o apelativo "alpe" estaba en uso no galego medieval, como demostra a frecuencia en que aparece nos documentos medievais galegos para referirse a un monte.

Alén da coñecida "Alpujarra" de Granada, hai outro "As Alpuxarras" en Lourenzá e outro en Tomiño (Pontevedra). Non esquezamos tampouco as "Alpuxarradas", certame de humor do antroido en Viveiro (Lugo).
No caso das dúas Alpuxarras galegas, cremos que o máis probábel é que proveñan do topónimo granadino, e que fosen "transplantadas" a raíz dos episodios das revoltas dos mouriscos. De feito, as "alpuxarradas" de Viveiro, no antroido, parecen referir a esta idea de "revolta", "descontrol" e, por tanto, afirmar esta hipótese.

A AMOÁ (Cabanas)
Derivada da raíz paleoeuropea *am-, frecuente en hidrónimos, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Estaría este topónimo, por tanto, relacionado con "A Amoeira", existente nas Negradas.

Porén, esta interpretación é posta en dúbida por Pérez Capelo (cf. aquí páx. 78 de C. Pérez . "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015), por non encontrar outros testemuños de que a terminación -ona desenvolvese o resultado "-oá" con desprazamento acentual. Por iso, inclínase pola hipótese de que Amoá proceda

de mŏla, con aglutinación do artigo, tendo en conta que o sufixo -ŏla si desenvolveu esa terminación -oá noutros casos na zona como ocorre con "A cruz de Airoá" (cf. aquí).

A pesar da rigurosidade e amplitude do estudo indicado, cremos que esa interpretación é dubidosa para este topónimo, tal como explicamos no blog de toponimia de Xove, polas razóns que mencionamos para o topónimo "As Amoás" nas Sumoas (cf. aquí).


A AMOEIRA (As Negradas)
Posiblemente derivada da raíz paleoeuropea *am-, frecuente en hidrónimos, cun significado relativo a "suco, canle, cavar". Cf. páx 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

A ASPRA (As Negradas)
O termo "áspera" ou "aspra" refere a "terreo de bouza, ou terreo escarpado". Viría de "(terra) áspera", ou incluso do latín "aspera loca" (cf. pp. 306 de A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa". 1977).

Segundo Rivas Quintas, chámaselle áspera, asperela ou asperosa a un “sitio pendente”.  (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). Esta acepción estaría en correspondencia coa  rexistrada noutras zonas do norte: un cerro de superficie rochosa. Cf. aquí.
Aínda que neste caso non haxa rexistros antigos deste topónimo, si os hai do mesmo noutras áreas, e non soamente galegas. Así, por exemplo, se rexistra no ano 887 o lugar da "Aspra", preto de Oviedo (cf. Torrente Fernández, "Términos agrarios en el Medievo asturiano (siglos xiii-xvi)", in "Asturiensia Medievalia, 5". 1989: pp. 78-79).

Os BARCÓS (Cabanas)
Posiblemente se trate dun aumentativo de "barco", no sentido metafórico da orografía do terreo. Tanto este "Barcós" como o de Mañón son núcleos de poboación e están situados nun lombo entre encostas pronunciadas, polo que si semella ter sentido orográfico.

Por outra banda, Bascuas non descarta tampouco unha orixe hidronímica nunha forma *war-ko, a raíz indoeuropea *war- 'auga, húmido'. Así, este sufixó -ón sería de orixe prerromana, frecuente na hidronimia. Cf. p. 167 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

O BROZO (Riobarba -lugar da Costa, Cabanas)
O termo "brozo" é de orixe céltica, segundo Corominas de *vroicos, e máis tarde *broccius. O significado é de "uz", "breixo". No léxico da zona aínda se conserva o termo "brozada" (e daí "desbrozar").

CABO DE VILA (San Román)
Lugar situado no "estremo da vila".


O CACHEIRO (O Vicedo, As Negradas)
Tendo en conta os posibles significados frente ao contexto deste caso, dada a situación dos dous topónimos do concello, en terreos nos vales, a acepción sería a mesma que a usada ainda actualmente en Dodro: "leira pequena traballada e coidada preto das aldeas".

Outra acepción sería de "cachar" (roza, cultivo por primeira vez): a de "terreo de mato, de monte, que se roza e queima para sementar trigo ou centeo". Porén, no contexto dos dous casos, ao non estaren próximos a monte, a acepción de Dodro parece máis razonable.
Di Sarmiento: "Cachar significa rozar y quemar un terreno lleno de matorrales para sembrar en él centeno o trigo. Cachada es esa heredad y cacheira un terreno muy espacioso para el mismo fin".
En Portugal recóllese este mesmo significado. Cf. aquí "cachar".

O CANTO, O CANTO DO MURO (varios)
O termo "canto" ten varias alternativas posibles: 
  • a acepción de "recuncho", "lugar apartado". 
  • Tamén se rexistra en algunhas zonas ese termo para referirse a pequenas "lombas" do terreo. 
  • Outra posibilidade é unha orixe prerromana *kant- 'pedra' (véxase o artigo sobre Cantarrá aquí
A CAPARIÑA (Cabanas)
Un" cáparo" é a cría de corzo, co cal "capariña" sería a "cría nova de corzo".
Hai certa frecuencia en Galiza de topónimos relacionados, "Cáparo" e "Capareira" así "Capariños" en Santiago, "Capariños" en Oímbra, "Caparón" no Viveiró.
A forma "cáparo" semella prerromana. De feito, existiu unha antiga cidade chamada Capara, na Lusitania.

Por outro lado, pode interpretarse como derivado de *(uilla) Caparina, a uilla ("explotación agrícola", "casal") dun propietario medieval chamado Caparino. De feito, o alcume Caparino figura atestado en 1223, así como o topónimo Caparim no norte de Portugal, en 1290 (cf. p. 167 de A. Boullón, "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)", 1999). Esta interpretación semella reforzada por estar documentado este lugar en 1305 como "Caparino": "... in Barroso in San Pantaon in Ysai in Lignares in Maia in Caparino in Cabanas in Cabanas in Freixciro in Maiofrio in Sisto in Peradela et in Mallados ..." (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos", 1999).
Pese á diferencia de xénero entre o documentado "Caparino" frente á actual "Capariña", non ofrece maior dúbida de que correspondan ao mesmo lugar, primeiramente polas referencias xeográficas e, ademais, por non ser excepcional esta evolución da terminación "-o" para "-a", documentado en moito outros casos en Galiza.

CASTRO BO (Mosende)
O apelativo "castro" indícanos a probable existencia dun antigo castro (lugar xeralmente nun alto, e fortificado) de época prerromana e/ou romana.
Canto a "Bo", podería ser o significado transparente do adxectivo "bo" (baixo latín bonu > boo > bo), do mesmo modo que hai lugares chamados "Castro Mao". No entanto, non se pode dar por seguro, dado que na dialectoloxía da zona sería "bon", e nunca "bo".

CHELO (As Negradas)
O termo provén do latín vulgar *planellu, diminutivo de planus 'chan'.
O profesor Pensado defíneo como "superficie plana e alongada que, como unha canle, queda entre dous ribazos" (cf. Martín Sarmiento. "Catálogo de voces y frases de la lengua gallega").
Esta hipótese confírmase tamén ao aparecer este núcleo de poboación documentado como "Chenlo" no século XVII, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago). Cf. p. 178 de Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna" in "Estudios mindonienses" Nº. 2, 1986.

A COVA (Riobarba)
Neste pequeno núcleo de poboación de Riobarba non existe ningunha cova coñecida, máis ben tén este nome nun senso metafórico, ao estar situado este lugar no fondo dunha pequena valgueira. 
Aínda que o dicionario non rexistra esta acepción para "cova" (senón que a define como "caverna, cavidade natural ou artificial no terreo"), no caso que nos ocupa non presenta maior dúbida a acepción indicada.

CRECIDE (As Negradas)
O termo vén de *(uilla) Cresciti, referindo a unha uilla ("explotación agrícola", "casal") dun propietario medieval chamado Crescitus, nome de orixe latino-romance.

CREXIMIL (As Negradas)
O termo está orixinado no nome do antigo posuidor do lugar.
A interpretación tradicional é derivalo de *(uilla) Crescemiri, a uilla ("explotación agrícola", "casal") dun propietario medieval chamado Crescemirus, un nome explicado como híbrido de raíz latina e o elemento visigodo -mirus, do gótico mereis 'famoso'. En efecto, J. Piel (cf. J. Piel. "Nomes de possessores latino-Cristãos na toponímia galego-asturo-portuguesa", in Biblos), deu esta orixe a Creximil; J. Piel cita tamén os exemplos portugueses como Creixomil (Guimarães) atestado como Creximiri no ano 959. 

Tamén  Boullón Agrelo postula esta a orixe, e menciona o nome de persoa "Crescemiro" atestado no 960, no Tombo de Samos (cf. p.180 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"), e a de L. Becker (cf. p.356 de L. Becker, 2009, "Hispano-romanisches Namenbuch").

Alternativamente, podería provir de *(uilla) Wistimiri,  Wistimirus, nome de orixe xermánica. A evolución podería ter sido : Wistrimiri ˃ Guistrimir > Gristimir > Crisimil > Creximil. (cf. blog de M. Costa aquí).
Da mesma orixe teríamos "Castramil" en Boimente (ver blog aquí).

AS ESPIGUEIRAS (Riobarba)
Aínda que non o recolle os dicionarios de galego, "espigueira" probablemente corresponda co portugués "espigueiro" 'cabazo, hórreo'.

O ENXERTADO (Riobarba)
Indicativo de que orixinariamente sería un lugar con árbores enxertadas, probablemente castiñeiros.

O ESQUIZO (Cabanas)
Significado e orixe incerta. Talvez relacionado con "isca" ("materia vexetal que arde doadamente).

FABÁS (Suegos)
Este topónimo é interpretado como plural de "fabal", 'terreo sementado de fabas' (cf. Dicionario RAG aquí). Así interpreta Navaza estes topónimos (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega" aquí).

No entanto, tratándose dun núcleo de poboación, tampouco podemos desbotar a correspondencia cun antropónimo. Deste modo, podemos interpretalo cunha orixe en *(uilla) Fafilanis, forma en xenitivo xermánico de Fafila, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). De feito, está atestado "Fafianis" como topónimo ("Iohannem Muniz de Fafianis") "nun documento de 1231 no Tombo de Sobrado. (cf. p. 224 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). É de notar que a evolución de -f- intervocálico para -v- é frecuente en galego (e.g. Estephanus > Estevo, defensa > devesa, ..).

A maioría dos "Fabás" existentes na xeografía galega estar referidos a nomes de poboación ("Fabás" en Vilalba, "Os Fabás" en Viveiro, en Vilalba, en Cambre, "O Fabás" en Vigo, "Muíño de Fabás" en Xove e en Vilalba).

O FOLGUEIRO (Suegos)
O mesmo que "folgoso", "lugar onde abundan os felgos".

O FONTAO (Suegos)
O nome deste núcleo de poboación posiblemente derive de (agru) fontanu, derivado de fons "fonte" (Cf. A. Moralejo. "Toponimia gallega y leonesa").
Outra posibilidade sería derivado do nome dun posuidor Fontanus (cf. Cabeza Quiles).
Tanto neste caso como no caso do mesmo topónimo en Xermade, trátase de núcleos de poboación, o cal parece apuntar para a segunda opción.

A FORQUETA (Riobarba)
O termo "forqueta" indica unha "bifurcación", quer de río, de camiño, de cordal. Poderia provir da súa proximidade a onde se xuntan o rego dos Muíños e o rego da Pardiñeira, aínda que non está situado propiamente nese lugar. Por iso, e tendo en conta que se localiza preto do monte do "Cordal", semella máis interpretalo como "lugar onde se xuntan dous cordais".

Os topónimos do tipo "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña", "Forqueta" son relativamente frecuentes en Galiza, polo que podemos descartar totalmente que fosen orixinados nunha referencia ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non se darían con tal frecuencia.

A FRADARÍA, A FRADERÍA (San Román)
O termo "fradaría" é en galego sinónimo de "convento". Descoñecemos se houbo un antigo convento na zona, polo que máis probábel que esas terras pertencesen (aforadas) a un convento.

Lugar de FRANCOS (As Negradas)
Referido a poboadores con privilexios e exencións, posiblemente referido a poboadores provintes de alén dos Pirineos. Para máis detalles, ver a entrada do blogue aquí.

Este núcleo de poboación aparece documentado no século XVII, con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago). Cf. p. 178 de Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2, 1986.

FROUFE (San Román)
De *(uilla) Fradulfi, forma en xenitivo de Fradulfus, o nome do antigo posuidor medieval da uilla ("explotación agrícola").
J. Piel dubida entre derivalo do indicado Fradulfi ou de Fronulfi, xenitivo de Fronulfus, indicando que este último tería a raíz *Fron-, correspondente sueva da visigótica *Frauja. Cf. J. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III.
Sexa cal for das dúas, é importante notar que a presenza dun nome de orixe xermánica non indica en absoluto que o posesor tivese tal orixe, xa que os nomes de orixe xermánica eran de uso maioritario na Idade Media, por "moda", non por etnia.

A GÁNDARA (As Negradas)
O termo "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan. Neste caso, indicaría un lugar de terras barrentas.
Este núcleo de poboación aparece documentado no século XVII, con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago). Cf. p. 178 de Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses" Nº. 2, 1986.

GARAVIDE (O Vicedo)
O termo "garavide" é de significado e orixe incerta, aínda que podemos establecer tres hipóteses máis ou menos probables:

1) Derivado de *Agraavide < *agra Aviti, sendo Aviti (ou Viti) a forma en xenitivo de Avitus (ou Vitus), o nome o antigo posesor da agra. En efecto, aínda que complexa, non se pode desbotar a evolución *Agra Aviti > *Agraavide > *Agaravide > A Garavide. Este nome Avitus derivou do latín avitus 'do avó ou dos devanceiros'. Está atestada unha uilla de Abitus no Tombo de Samos, nun documento do 1098 (cf. p.62 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Tamén é igualmente probable a mesma hipótese pero de agra Viti, sendo Vitus un nome frecuente na Idade Media.

2) Derivado de "Garabida", co sufixo abundancial -ide, frecuente en fitotopónimos. Existe tamén o topónimo "Garabal" no concello de Santiago de Compostela.
Canto ao elemento garav- ao que se referiría o abundancial, é máis incerto. Podería indicar abundancia de "garabullo, garavizo" ou outro termo léxicamente relacionado. Tamén podería estar relacionado co tema paleoeuropeo *graw-, derivado da raíz indoeuropea *gwer- 'tragar', presente en hidrónimos. De feito, E. Bascuas relaciona un topónimo de morfoloxía similar, "Gravido" (A Laracha), co mencionado tema *graw-. Sería, por tanto, indicativo de abundancia de auga, fontes ou similar. Cf. p. 315 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".

É importante notar que os abundanciais en -ide non son excepcionais frente ás formas en -edo, -ido: existen na Mariña Central os topónimos como Teixide, Porride, Cardide, Pedride, incluso Mexilluíde (cf. aquí).

3) Derivado de "algaravide", lugar onde abunda a "algaravea" (carum verticillatum), unha planta dos prados. Cf. aquí. Pode xustificarse, dado que este topónimo tamén se rexistra como "A Garavide". No entanto, o mesmo que para a interpretación previa, sería unha excepción a presencia do sufixo abundancial en -ide na Mariña Occidental.


A GATARIZA (As Negradas)
A priori a orixe deste topónimo semella sinxela: "lugar onde se xuntan os gatos"(posiblemente o gato montés), o mesmo que existe "vacariza". Esta é, por exemplo, a hipótese que mantén E. Rivas. Cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007. No entanto, as etimoloxía ás veces parece máis sinxela do que é.
Podemos establecer varias hipóteses máis ou menos probables:
1)A partir do sufixo -iza, derivado do latino -icea, presente en topónimos como "Cabalariza", "Vacariza", "Ovellariza", "Porcariza" 'cortello', "Rateriza" 'abundancia de bichos, en xeral'. Indicaría, por tanto, "lugar onde se xuntan os gatos'" . Porén, é o único caso que se dá deste topónimo, relativo a abundancial de gatos, e semella un pouco extraño, aínda que indicase garduñas ou gatos monteses.

2) Este sufixo tamén se usa para plantas, tais como "Nabariza" 'onde se plantan os nabos', "Fabariza", pomariza, "Trigariza", "Ameneiriza" (Sarria), "Salgueiriza". No caso de "Gatariza", podería indicar abundancia de "herba dos gatos" ou "herba gateira" (tamén chamada "valeriana").
3) Alternativamente, podería derivar dun nome de posesor, tal como nos casos dos topónimos "Gomariza" e "Xabariza", derivados de Gomariz e Xabariz respectivamente. Deste modo, "Gatariza" viría de *Gateriz, e estaría referido a un posuidor medieval chamado Vittericus, nome de orixe xermánica. Hai certa frecuencia de topónimos deste estilo, tais como "Artariza" (<*Artaricia, de Artaricus < proto-xermánico *Hardarīkaz) en Lourenzá, "Monte da Baldariza" (Baldaricus) en Cambados, ou "O Monte da Espariza" (<*Asparicia, de Asparicus) nas Somozas.

Aínda que pouco probable, podería interpretarse de *(uilla) Cataricia, dun posuidor medieval chamado Catarius, nome rexistrado na Idade Media (cf. Leite de Vasconcellos "Textos Arcaicos", Porto, 1970, p. 16). Porén, non semella probábel, xa que todos os topónimos que mencionamos proveñen de nomes de orixe xermánica rematados en -ricus.

4) Dado que tamén se rexistra a pronuncia "Cateriza", podemos estabelecer tamén unha hipótese de orixe prerromana, talvez paleoeuropea ou céltica, na raíz *kat(t)- + Aritia, relacionado co topónimo Ualle Aritia, que aparece no Parroquiale Suevorum, onde tamen aparece Valleariza, na diócese braccarense. Cf. aquí.

No concello de Abrantes, encontrouse no século XVII unha placa de bronce que tiña gravado un xuramento de fidelidade dos Aritienses ao emperador Calígula, no ano 37 dC, no oppidum de Aritium Vetus, Cf. aquí.


AS GOEXAS (Suegos)
Etimoloxía incerta. Pode ter a mesma raíz que para o topónimo "A Goa" (no concello de viveiro, pero preto da Pardiñeira, Riobarba), localizada correspondente a unha ladeira de gran desnivel.
Alternativamente, podería vir de *"as (terras) Godoigias", "terras de Godoigia", nome de orixe xermánica, documentado en Galiza na Idade Media.
Existe tamén "A Goexa" en Betanzos e "Goexe" na Laracha.

AS GOLPEIRAS (Riobarba)
O termo "golpeira" indicaría en xeral un 'lugar frecuentado polos golpes ("raposos")', e en particular un covil de golpes.

A INSUA (Riobarba)
Do latín insula 'illa'. Tanto no portugués como no galego, "insua" xeralmente refere a illa ou península nun río", ou simplemente un "terreo situado entre dous ríos".
Neste caso, en efecto, trátase dun lugar situado entre o rego dos Muíños e o rego da Pardiñeira, preto de onde se xuntan ambos regos.

A LAGOELA (Cabanas)
Do latin lacunella, dimintivo de "lagoa". É interesante notar que o topónimo lagoa está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístranse na Idade Media: "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tombo de Celanova).

LOUSADA (Riobarba -lugar do Vilar)
Este topónimo pode que derive do feito de haber unha "casa lousada" (con tellado de lousa). Isto sería similar ao caso do topónimo "A Tellada" (Foz) para indicar casa(s) de tella. Tamén existe "A Casa Lousada" en Muras, e "Calousada" (<Casa Lousada) en Xermade, que parecen confirmar esta hipótese. Ademais, parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de lousa non era aínda o máis común .Este topónimo indica que nesa poboación houbo unha casa lousada (con tellado de lousa), ou tivo a orixe nunha casa lousada. Ademais, parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de lousa non era aínda o máis común.
O teito de lousa tiña a vantaxe de menos mantimento que o de palla: as pallazas precisaban renovar o teito cada 15 anos.
Tampouco se pode desbotar que refira a un lugar onde abunda a lousa, coberto de lousas ou laxes delgadas de pedra ou xisto.

Lugar de MALADAS (Riobarba)
Posiblemente signifique "(terras) maladas", alugadas a "malados". O termo "malados" é un sinónimo medieval de "colonos, servos", no senso específico de "homes libres que traballaban en terra allea".
 Boullón Agrelo menciona o alcume "Malada", atestado en 1165, e asócialle o significado de 'individuo que está en situación de dependencia con respecto a outro', seguindo a D. Kremer (cf. p.293 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
A presenza de "Lugar de" tamén semella corroborar esta hipótese, así como o feito de este lugar figurar atestado en 1305, como "Mallados" (o dobre "l" é só un latinismo): "... in Cabanas in Freixeiro in Maiofrio in Sisto in Peradela et in Mallados ..." (cf. CDMACM = E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
Nun documento de 1309 (CDMACM 72: 104) e noutro de 1347 asinado en Viveiro, rexístrase o nome de "Ferran de Malladas", que correspondería con este topónimo (aquí o dobre "l" non se lería como atualmente, senón apenas "l" simple), ou tamén de outra "Maladas" en Covas (Viveiro).

Tampouco podemos descartar unha orixe prerromana, derivado da raíz indoeuropea *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira', indicando unha 'ribeira, costa'. Esta é a interpretación, por exemplo de F. Villar (cf. p. 57 de F. Villar, "Vascos, celtas e indoeuropeos. Genes y lenguas" ), que o relaciona coa familia de topónimos con base en *mal-, que deriva da indicada raíz indoeuropea *mel-.

Para máis detalles sobre posibles orixes de topónimos como "Malata", "Malates", "Malados" e similares, pódese atopar >> nesta ligazón.
As MANGAS (Riobarba)
Posiblemente do latín manica 'manga', prenda de vestir e, metaforicamente, aludiría a unha faixa do terreo que sai do corpo central da finca.

MANXOFRÍO (Riobarba)
Do latín mansio frigidus, unha pousada de estrada deshabitada. Podería indicar, por tanto, o paso dunha antiga vía romana.
En calquer caso, xa figura atestado en 1305, como "Maiofrio" : "... in Cabanas in Freixeiro in Maiofrio in Sisto in Peradela et in Mallados ..." (cf. CDMACM = E. Cal, " Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
No censo de 1527 aparece novamente, xa coa forma "Majofrio", o mesmo que en 1847, no "Diccionario" de Madoz". A evolución de Maxofrío para Manxofrío parece por tanto que non foi antes de mediados do século XIX.

Rexístranse varios lugares e parroquias en Galiza co nome "Meixonfrío": en Couzadoiro (Ortigueira), no concello lugués de Taboada, en Carballedo, en Coirós, en Lousame, en Ordes, en Taboada. En Vieiro existe "Meixofrío".

Encóntranse en Portugal lugares coa denominacion "Mejamfrio", e igual teoría de orixe; así o albergue instituído na "Carta de Couto e Foral de S. Pedro de Osseloa", en Novembro de 1117, é chamada de Mejamfrio (cf. nota páx. 9 de A. C. do Amaral, "Memória V. Para a História da legislação e Costumes de Portugal", ed. da livraria Civilização), e Miguel de Oliveira informa (cf. p. 26 do artigo citado) que Albergaria-o-Velha era chamada en antigos documentos Albergarie veteris de Meigonfrio (neste caso, o "g" indica o son fricativo, similar ao do "j" no portugués actual).

É importante indicar que os romanos distinguían, en canto a pousadas nas estradas, entre as mansiones 'albergues', as mutationes 'mudas, postas' e as stationes 'estacións', alén dos apeadeiros e dos marcos miliarios.
Convén tamén notar a normalidade da evolución de mansionem > *masione : o mesmo ocorreu en moitos outros casos de nasal diante de "s", así mensa>mesa, mensis>mes, mensura > mesura, etc.

Como referencias atopamos: boletim aveiro, libro , Corpus lingüístico da Galicia medieval.

Lugar de MARCOS (As Negradas)
Este lugar tomou este nome por ter pertencido a Marcos Paz (testemuño recollido oralmente). Este Marcos Paz probablemente corresponda coa persoa partícipe en 1752 na realización do cadastro de Ensenada para As Negradas, un dos dous peritos nomeados polo "común" (o pobo).

MONTE DE INSUA (As Negradas)
Ver "A Insua". Nesta caso, o apelativo "insua" refere a unha península formada polo río Sor.

MONTEMEAO
(Riobarba)
Composto de "Monte Meao". O termo meao era a forma medieval por "mediano, do medio". Por tanto, este topónimo indica "monte do medio", pola súa situación.

MORÁS (San Román)
Posiblemente de *(uilla) Mauranes, forma en xenitivo de Mauran, referindo o nome do antigo pouidor da uilla ("explotación agrícola"). É un nome de orixe xermánica, usado na Idade Media. Cf. aquí.
Outras hipóteses posíbeis é a da orixe na raíz hidronímica indoeuropea *mar- / *mor- 'auga detida', ou tamén a raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", de orixe talvez preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea".

O MORGALLÓN (As Negradas)
O termo "Morgallón" ten unha orixe probablemente prelatina.
Podería estar relacionado con "morgallo" ou "murgallo" 'restos de leña ou outros materiais', aínda que non semella probábel.
Tamén podemos rexeitar que derive de "margallón" ('desvergonzado'), pois sería altamente improbable que na toponimia galega abundase máis "Morgallón" (tres ocorrencias) frente un único "Margallón", a forma que nesa hipótese sería a orixinaria.

Toda vez que non atopamos encaixe en orixe latina, podemos asignarlle orixe prelatina, máis aínda se temos en conta que o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cf. e.g. F. Villar aquí).

Dese modo, talvez estea relacionado coa raíz hidronímica *mar- / *mor- "auga detida", coherente coa localización dos varios "Morgallón" existentes na xeografía galega:
O Morgallón, nas Negradas, está situado nun outeiro desde o cal se divisan os meandros do río Sor e unha boa parte da ría do Barqueiro. Ver localización aquí.
Existe outro "Morgallón" en Fazouro cunha situación similar, nun outeiro desde os que se divisa o remansos finais do río. Cf. aquí.
Existen tamén os "Montes do Morgallón" no Valadouro, outro nas Neves (Pontevedra) e outro no concello da Coruña.

Alternativamente, o termo "Morgallón" podería estar relacionado coa raíz prerromana *mor(r)- , relativo a "pedra", referidos como de orixe preindoeuropea, tal como ocorre coa palabra "morea". Existe un "Cueto del Mogro" en Cantabria, cunha situación bastante análoga (""es un pequeño monte de forma cónica, muy visible e identificable por su silueta en la llanura por donde discurren los meandros de la Ría.."). Para este "Mogro" postúlase esa orixe no radical *mor-iko Cf. aquí.
Porén, a localización do topónimo "Os Morgallós", nun lugar chao do concello da Pastoriza, parece desbotar as hipóteses anteriores prelatinas.

Considerando todo o anterior, talvez a hipótese máis probble sexa a de derivar do céltico *morg-, provinte da raíz indoeuropea *mereg- "marco, terra na fronteira" (cf. Pokorny: IEW 738).

É importante remarcar tamén a posible relación etimolóxica cos topónimos "Morgal" en Salas, Asturias, e "Morgovejo" en León, documentado "Mogrovelio"en 921 (cf. aquí). Así mesmo, indicar a existencia dos topónimos "O Morgullón" nos concellos de Ribadeo e de Trabada.

O MOSTEIRO (As Negradas)
De "monasterium", indicando a antiga presenza dun convento. En efecto, no Mosteiro houbo un convento feminino na Idade Media. Tal como figura atestado, a súa última priora foi María Vizosa, a comezos do século XVI.
Este núcleo de poboación aparece documentado no século XVII, con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago). Cf. Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses" Nº. 2, 1986.

MOSENDE (Mosende)
O termo "Mosende" deriva de *(uilla) Manosindi, forma en xenitivo de Manosindus, nome de orixe xermánica que refere ao antigo posesor ou fundador da uilla ("explotación agrícola", "casal").

É importante notar a pronuncia con "o" aberto, que cofirma a evolución Manosindi > Mãosende > Moosende > Mosende.

AS NEGRADAS (As Negradas)
Derivado de "as (terras) negradas", "as terras ennegrecidas", talvez por actividades de roza (terreo de monte, que era rozado e queimado para despois sementar trigo ou centeo), ou pola calidade da terra.
É un caso similar ao dos topónimos "As Negrais" (Samos), ou da homónima "San Vicenzo das Negradas" (Guitiriz).

Desafortunadamente, a forma oficial actual é errónea: "Negradas", sen artigo, sen razón algunha, habendo documentación atestada suficiente que demostra que sempre foi "As Negradas".

NOCHE (As Negradas)
O nome vén de (uilla) Nausti(i), forma en xenitivo de Naustus ou Naustius, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Esta interpretación deste topónimo foi xa dada por Piel e Kremer (Cf. J. Piel e D. Kremer, "Hispano-gotisches namenbuch". 1976). A raíz Naust- é aínda opaca canto á súa orixe e significado (cf. Piel, mesma cita).
O nome Naustus está rexistrado en Galiza (cf. aquí), e como topónimo existe outro "Noche" en Vilalba.

Este núcleo de poboación aparece documentado no século XVII, con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago). Cf. Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2, 1986.

Os NAVALLOS (Riobarba)
Posiblemente derivado de "nava", 'chaeira rodeada de montes', do mesmo modo que o topónimo "Os Covallos" deriva de "cova". Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é un "pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. aquí), tamén
o salmantino navazo "valle pantanoso" e o aragonés navajo "balsa para el ganado"
É un topónimo frecuente en Galiza, así hai outro "O Navallo" en Mañón e en Barreiros, e un "O Nabarego" en Mosende.

A PALLAZA (Suegos)
Este topónimo indica que nesa poboación houbo unha casa pallaza (con teito de palla), ou que tivo a orixe nunha casa pallaza.
Ao ser un topónimo, parece indicarnos que, cando se comezou a chamar así, o teito de palla xa non era o máis común. O teito de palla precisaba ser renovado cada 15 anos, con palla nova de centeo (un grosor duns 40cm, cf. aquí).
Tamén está documentado en Portugal (1524) "moradas palhaças', construcións telladas con palla. Cf. aquí.
Outros topónimos relacionados serían "Colmaça" ‘casa tellada con colmo (palla longa do centeo)’, "Bergaço" ‘construción feita con varas (trenzadas)’, do latín virga, "Taboaço" ‘construción feita con táboas’, etc.

A PARDIÑEIRA (Riobarba, e microtopónimos en Mosende, nas Negradas e en San Román)
A interpretación deste topónimo ofrece varias posibilidades:
1) O mesmo que "pardiñeiro": "casa arruinada e destartalada" (cf. dicionario). En portugués existe pardieiro, co mesmo significado que "pardiñeiro".
2) Sendo "pardiña" unha devesa ou chousa (cf. dicionario), entón "pardiñeira" significaría "lugar de chousas, de campos valados".
3) Terra parda

Hai "Pardiñeiras" por toda a Galiza. En Bares hai tamén un "A Pardiñeira", en Covas atópanse "Os Pardiñás", en Muras tamén se rexistra o topónimo pardiñas. En Laxe tamén se rexistra "pardiñas", e nese caso hai quen aponta á acepción de "devesa".
A Pardiñeira foi capital municipal do antigo concello de Riobarba ata o 1952.

PONTIDE (Suegos)
De *Pontem Titi 'ponte de Titus'. Existen outros "Tide", e.g. na Régoa.

PRADAEDO (San Román -lugar da Fradería)
Lugar onde abundan os "pradairos", unha árbore caducifolia do xénero acer, común en Galiza.
A orixe etimolóxica é nunha forma platanetum. Así, para o caso de Pradeda (Baleira), N. Ares indica as formas Plataneta no 897, Pradaneda en 1166, Plataneda en 1225, Pradeeda en 1258, e xa Pradaeda en 1260 (cf. N. Ares, "Toponimia de Baleira", in "Lucensia" núm. 37, 2008).

A REDONDA (As Negradas)
O termo "redonda", alén do seu significado obvio, Martínez Lema indica o uso adicional en galego co significado "zona ou territorio delimitado, que depende e se relaciona cunha poboación, pero que se encontra afastada do centro". Por tanto, neste caso sería sinónimo de alfoz, arrabalde ou barrio, entre outros. Cf. P. Martínez (2010) aquí.

E. Rivas rexistra o seu significado como"zona de terreno delimitado y su documento de apeo con deslindes y demás particulares". Neste caso, consideramos que se trataría desta acepción.
En definitiva, os termos "redondo" e "redonda", como topónimo, indicarían ben a forma do terreo ou ben a súa condición de cercado ou valado, ou constituínte dun couto. 

Concretamente, o topónimo que nos ocupa, un núcleo de poboación,  aparece documentado no século XVII con este nome, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago). Cf. p. 178 de Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2, 1986.

O REGO DOS BOIS (Riobarba)
O termo "boi" neste topónimo pode provir ben do significado obvio, e por tanto podería indicar algo como "rego onde paran cos bois a beber". Alternativamente, podería ter unha orixe moi distinta, da raíz pre-latina *boi-, "rocha, pedra", co cal significaría "rego das pedras".

REGAEDO (San Román do Vale -lugar do Vilar)
Derivado de "rego", co sufixo abundancial -edo. Indica, por tanto, un lugar onde abundan os regos (con "e" aberto).
Existe o topónimo análogo "O Regal" en Riobarba.

O REGAL (Riobarba)
Derivado de "rego", co sufixo abundancial. Indica, por tanto, un lugar onde abundan os regos (con "e" aberto). Esta interpretación parece reforzarse coa existencia do topónimo "Regaedo" en San Román, completamente análogo, coa única diferencia dun sufixo abundancial distinto.
Cremos improbábel, aínda que non imposíbel, unha orixe en *(uilla) Ricarii, xenitivo de Ricarius. A improbabilidade estimámola polo feito de o topónimo levar o artigo diante, moi infrecuente neses casos.

RIOBARBA (Riobarba)
A orixe viría do composto Río Barba, no cal "barba" proviría da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir, manancial'. Cf. aquí, p. 804.

Abundan os topónimos relacionados coa raíz *barb- que apoian esta hipótese. Así, por exemplo, atopamos na prov. de Lugo "Reibarba" (Folgoso do Courel), "fonte de Barbas" (Foz), Rego de Barbadelo (Sarria). Na prov. da Coruña, Río das Barbelas (Cerdido, Moeche), Barbos (Ortigueira), Rio Barboso (Laracha), Ponte da Barbela (A Capela), O Barbanza, Barbaín, Barbazán, As Barbelas, Prado da Barburiña. En Ourense. Barbantes, A Regada da Bárbora, O Barbañicas. Na prov. de Pontevedra Río Barbeira.

O topónimo "Riobarba" rexístrase xa en 1488, na doación de "San Payo de Riobarba" para a Guerra de Granada.
Por outra banda, preto de Riobarba existe o "Monte de Fernanbarba", que viría probablemente do nome de persoa "Fernán Barba". Tanto o nome "Fernán" como o apelido "Barba" están documentados no medioevo alén deste topónimo.

RUÑO (O Vicedo)
Este nome de lugar probablemente proveña dun hidrónimo de orixe prerromana *Runyo, cun significado próximo ao de "regato", "corrente de auga".
A relación do tema hidronímico *ur- coa raíz indoeuropea *re- 'moverse, fluír' foi amplamente estudada por E. Bascuas (cf. $42.4 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"), e estaría relacionado con nomes tais como o gótico runs 'corrente de auga'.

Entre os topónimos relacionados figuran "Montes da Ruña" (A Coruña), así como "Ruñeiro" no Grove. Este último parece indicarnos que o uso do apelativo "ruño" se mantivo no romance.
SACIDO (O Vicedo)
Lugar onde abundan os salgueiros. É un topónimo relativamente frecuente, así, por exemplo, hai outro Sacido en Covas (Viveiro).
Este núcleo de poboación do Vicedo aparece documentado no século XVII, como parte das posesións dos dominios territoriais do Priorado de San Miguel das Negradas, entón xa pertencente ao convento de San Paio de Antealtares (Santiago). Cf. p. 178 de Concepción Burgo. "Un dominio monástico mindoniense: el Priorato de San Miguel de las Negradas en la Edad Moderna", in "Estudios mindonienses." Nº. 2, 1986 (aínda que na transcrición dada por C. Burgo figure erroneamente como "Savido", cremos que se trata simplemente dun erro de lectura ou do copista).

SALGUEIROS (As Negradas)
A súa orixe neste caso, recollida oralmente e aparemente documentada, é de "lugar dos Alugueiros", que por etimoloxia popular derivaría para "Lugar de Salgueiros".
De confirmarse documentalmente, o topónimo *"(O lugar dos) Alugueiros" referiría a un ou varios casais alugados.

A SANGA (Riobarba)
Significado incerto. A presenza do artigo parece indicar a orixe nun apelativo, aínda que non figure no dicionario galego. Podería ser o mesmo que o homónimo "sanga" en portugués, "arroio pequeno, ou pántano". No entanto, algúns autores asígnanlle a ese unha orixe no castelán zanja (cf. A. Ferreira, "Novo dicionário da língua portuguesa". 1986), o cal non é o caso do topónimo que estamos a analizar.
Alernativamente, podería provir dun hidrónimo paleoeuropeo, tendo en conta que o mesmo sufixo -anga aparece en topónimos como "Malanga" (que formaría parte da serie Malantes, Malaña, etc), "Aranga" (que formaría parte da serie Arantes, Aranza, etc), "Laranga" (xunto con Laraño, Laraxe, etc). En concreto, podería ter relación coa raíz indoeuropea *sengw- 'fallen, sinken' (cf. IEW 906).

Tamén neste sentido poderíamos hipotetizar unha orixe nun *Alesanika, cun falso corte de *Asanga > A Sanga, o mesmo que ocorreu co topónimo "As Anzas" (Ribadeo), atestado como Alesancia no ano 969. Porén, existe un "Sangas" en Soba (Cantabria), que parece desbotar esta hipótese.

Existe outro "A Sanga" en Mañón, así como "As Sangas", un terreo en encosta, no concello da Capela.

SAN ROMÁN DO VALE (San Román de Vale)
Históricamente, o nome desta parroquia ten sido "San Romao". Así, en 1435 está documentado "... et Sant Romao de Vale et Sant Estevoo de Vale et San Miguel das Negradas ..". A actual denominación "Román" é, sen dúbida, por influxo do castelán: na Mariña lucense o sufixo latino -anu evoluiu desnasalizándose até "-ao" (pronunciado en ditongo), así os exemplos "chao", "mao", "irmao".

SAN ROQUE
(As Negradas)
Así chamado pola existencia dunha capela con advocación a este santo.
Este lugar foi chamado previamente "Santa Mariña", pola cercana presenza doutra capela coa advocación a tal santa. Figura, de feito, xa atestado con ese nome, castelanizado en "Santa Marina", no "Censo de pecheros" de 1528. En 
1866 aínda era rexistrado como "Santa Marina"(cf. "Itinerario descriptivo militar de España", 1866).
O sitio preciso actual foi chamado "lugar do Pazo" ("do Paço"), por ter existido un pazo, do cal foi dono nun tempo Gomes Peres das Mariñas - quen chegou a ser capitán xeral das illas Filipinas nos tempos de Filipe II.

SERANTES (O Vicedo)
Este topónimo, relativamente frecuente en Galiza e Asturias, ten moi probablemente unha orixe prerromana.
A primeira interpretación é a derivalo dun hidrónimo de orixe paleoeuropea, a partir da raíz indoeuropea *ser- 'movimento, fluxo', e daí, *ser-anti 'fluínte, corrente'.

Esta orixe élle atribuída por varios autores, incluíndo o estudo de G. Hermo, onde aborda a análise etimolóxica dos topónimos de base Sarand- (Sarandeses, Sarandín, Sarandón e Sarandós) e Serant- (Serantellos e Serantes). Cf. aquí.
Segundo Boullón Agrelo, tería unha "orixe na base celta *sar- 'auga', presente no nome dos ríos Sar e Sarela, ou no topónimo "Sarria"; a terminación compártea con outros topónimos como Arantes, Barbantes, Barrantes, Cervantes, Cesantes. Indica ademais a posible relación con nomes étnicos prerromanos. Significaría, xa que logo, 'habitantes do río, da ribeira ou da lagoa' (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Segundo M. Costa, o étimo destes topónimos podería ser *serh3-nt-, p. presente do verbo indoeuropeo *serh3- "moverse, saír (violentamente, con hostilidade)". En consecuencia, "Serantes" referenciaría as cualidades guerreiras dos seus habitantes, algo así como "onde os asaltantes". Cf. aquí.
M. Costa tamén refire á epigrafía, que rexistra na Gallaecia unha inscrición que recolle xa o nome de Serante, que confirma este sufixo coletivo:  TRIDIAE MODESTI F. SEURRA TRANSM(INIENSE) 'C' SERANTE (co 'C' indicando un simbolo "C" invertido, cun significado probablemente relacionado cun castro ou poboación).


O SISTO (Cabanas, San Román)
Para Díaz Fuentes sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria.
Outra interpretación é como referencia a un posuidor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf. L. Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos". Porén, os varios topónimos "Sistelos", "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.
Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. I. Millán  "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987

preposición SU- (varios)
O prefixo "su", do latín sub, é interpretado como "debaixo de". Para sermos precisos, debe entenderse como "ao pé de" (="pola parte de baixo de", "debaixo e pegado a "). Cf. J. Gª Sánchez. "El elemento 'sub' (>so) en toponimia. Reconsideración de su valor. Jairo"

SUASBARRAS (San Román)
Composto de "Su as Barras" 'ao pé das barras', 'pola parte de baixo das barras'. Ver termo "SU-".
Canto a "barras", neste caso posiblemente teña o significado de "bancos de area na entrada do río", ainda que tamén podería ser "parras, emparrados". Cf. aquí.

SUAVILA (San Román)
"Ao pé da vila" ("pola parte de baixo da vila"). Ver termo "SU-".

SUBARGO (As Negradas, Riobarga)
De "su-bargo", lugar situado ao pé do "bargo". Un "bargo" é unha laxe ou lousa chantada, polo xeral de grandes dimensións. Cunha fileira de bargos faise unha división entre dúas fincas.

SUEGOS (Suegos)
O topónimo "Suegos", documentado xa no século XII como Sancta Maria de Sueuos, indicaría unha orixe nun poboamento por xente de etnia sueva.

Os pobo xermánico dos Suevos, que chegou ao noroeste da Península no século V, constituíu no territorio da Gallaecia o primeiro reino independente surxido logo da caída do imperio romano.

Na xeografía galega existe outra parroquia co mesmo topónimo "Suegos" no concello de Pol, así como tamén outras de nome "Suevos", coa mesma obvia orixe.
Cf. detalles explicativos no blog de M. Costa (Cossué).

A TARROEIRA (O Vicedo)
No lugar da Tarroeira, houbo un castro, catalogado desde 2001 e protexido por lei.
Podería ter o mesmo significado de "tarrual", lugar onde abundan os "terróns" ou "tarróns", e provir do latín terronaria. Contodo, é preciso destacar que a maioría dos topónimos "Tarroeira" corresponden con núcleos de poboación.

É preciso ter en conta a coincidencia (ou máis que coincidencia) de varios casos de castros localizados en lugares chamados "Tarroeira", tal como ocorre no Vicedo, en Ortoño (Ames), na Baña, etc. Estas "coincidencias" poderían apuntar a un significado distinto, talvez en relación cunha raíz prerromana *tur- 'altura'.
Alternativamente, o dicionario define "tarroeira" como 'casa terrea, choza, casa de pouco valor'.

O TELLADO (Riobarba)
O nome "tellado" deriva do baixo latín tegulatu.  O topónimo probablemente deriva do obvio significado de "lugar tellado", do mesmo modo que abundan topónimos como "A Lousada" ou "A Pallaza".
No entanto, "Tellado" é interpretado en xeral como "lugar abandonado e repoboado"; xa os romanos, chamaban tegulata a lugares abandonados, onde ficaban restos de casas. Así, para Nicandro Ares, Tellado aludiría a "un aedificium tegulatum, ou un terreo onde abundarían restos de antigas tegulas” (cf. p. 635 de N. Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011).

A TELLEIRA (Suegos)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.
A TORRE (Riobarba -lugar do Chao, Suegos)
O termo "torre" nestes topónimos non se refere estritamente a torres, senón a casas fidalgas ou de casas grandes, de labradores ricos.

TRISCORNIA (O Vicedo)
A etimoloxía desta entidade de poboación é incerta.
Non atopamos ningún atestamento antigo deste lugar, nin tampouco para a poboación de "Triscornia" existente en Moeche.
Houbo un "Triscornia", un campamento de corentena, na Habana, aonde levavan os inmigrantes, nos comezos do século XX que chegaban á Habana sen cartos, contrato de traballo e sen aval dalgún familiar. Cf. aquí.
Descoñecemos se existe algunha relación entre o "Triscornia" da Habana, o do Vicedo, e o de Moeche.

TROIA (Riobarba)
Este topónimo, de orixe prerromana, foi analizado polo lingüista E. Bascuas, asignándolle un significado aproximado de "construción de madeira".
En efeito, Bascuas derívao dun termo *Trobia de orixe paleoeuropea (e, por tanto, pre-céltica), derivada da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar". Ten unha raíz común co apelativo galego "trobo" ("tronco oco, colmea", do paleoeuropeo *trobano). Cf. p. 341 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.
Bascuas rexeita poderosamente calquer relación deste topónimo co céltico *Turobriga: a evolución de Turobriga > Troia sería anómala, e pretender que esta evolución anómala teña ocorrido nos 15 topónimos deste nome existentes en Galiza e Portugal sería, máis que anómala, un "milagre fonético".
Hai outro argumento sinxelo e forte: existen dous topónimos "As Troias", un en Lobios e outro en Vilalba. É case imposible que existise o plural se proviñese de Turobriga, e, matemáticamente, a probabilidade de que ocorran dous "case imposible" é aínda máis imposible.

Bascuas rexeita tamén as hipóteses de P. Machado para Troia, en particular a da orixe no nome galo Trogus, via unha forma adxectiva *(uilla) Trogia, indicando a baixa frecuencia desta forma e a falta de rexistro histórico para o cognomen latino Trogus. Porén, temos que dicir que si parece haber, polo menos, un exemplo rexistrado na Italia dun Gnaeus Pompeius Trogus, aínda que isto non invalida o argumento da infrecuencia da formación.

Finalmente, é importante destacar a existencia no Corgo e en Palas de Rei do topónimo "Os Troios". Isto parece reforzar a hipótese de derivar Troia dun apelativo, tal como fai Bascuas.

UMEIROS (Mosende)
O mesmo que "ameneiros", "amieiros". É curioso atopalo nesta zona de Galiza onde o termo usado é "ameneiro", e podería indicar unha extensión moito maior desta variante nun pasado. Cf. p. 237 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Alternativamente, este termo deriva do tema paleoeuropeo *umeri, da raíz *weg- "húmedo, que flúe", frecuente en hidrónimos. Cf. p. 257 de E. Bascuas, ibidem.

VALDESUSO (O Vicedo)
Do latín medieval ualle de sursu 'val de riba' (oposto a "val de baixo").

VALDOURIDO (Suegos)
Derivado dun composto "Val de Ourido". Moi probablemente se trate dun hidrónimo e teña unha orixe prerromana, na raíz hidronímica indoeuropea *awer- 'fluír'. En efecto, ao tratarse dun "val", e dada a súa forma, é moi probable que teña unha orixe común coa do "río Ouro", para o cal se propón esta raíz hidronímica (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Non cremos probable que teña relación co latín aureum 'de ouro, dourado', non se coñece ningunha presenza de ouro que permita supor tal orixe.

VILASUSO (O Vicedo)
Do latín uilla sursum 'vila de riba', 'vila no alto' (cf. p. 107 de A. Moralejo, "Toponimia gallega y leonesa". 1977)

O VICEDO (O Vicedo)
O nome deste lugar, actualmente nome de toda a parroquia e do concello, xa aparece mencionado deste modo nun documento de 1099.
A orixe podería estar en vicietu(m), designando un lugar onde abunda a planta chamada en latín vicia, 'herba da fame', 'ervellaca', dependendo da planta en concreto.
Alternativamente, podería vir de "avicedo" (do latín medieval *aversatu) : xa Sarmiento rexistraba o adxectivo "avizedo" 'lugar sombrío no que non dá o sol", na zona de Valdeorras. Tamén se rexistra no portugués trasmontano avessedo 'lado da montaña virado para o norte'. Cf. aquí.

Análogamente, en León existen "El abecedo": "topónimo muy corriente en el norte de la provincia de León y designa la cara sombría y norteña de nuestros boques" Cf. aquí VV. AA. "Toponimia de la villa de Sabero".  Isto encaixa co lugar do Vicedo orixinario deste topónimo, situado na cara norte da faldra da montaña.

E. Rivas propón, similarmente, a derivación de "(a)vesío". Cf. p. 95, E. Rivas "Natureza, Toponimia e fala", 2007. No entanto, é preciso tomar esta interpretación con reservas: ambos os exemplos citados, tanto o recollidos por Sarmiento como os do portugués son dialectais; de feito, na zona en cuestión non son usados, senón que se usa o "vesío" (dialectal por "avesío").

VILAGUDÍN (San Román)
O termo deriva de uilla Gotini, unha uilla ("explotación agrícola", "casal") dun propietario medieval chamado Gotinus, nome de orixe xermánica.

O VILAR (Riobarba, San Román), O VILAR VELLO (San Román)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de Baliñas Pérez. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").
É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.

Por outra banda, na actualidade os dicionarios referen "vilar" a un "caserío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito". Cf. aquí.

VILELA (San Román)
Diminutivo de "vila", usando o antigo sufixo diminutivo -ela.

XARDÍN (Riobarba, As Negradas)
Posiblemente este topónimo se refira ao significado obvio. Neste sentido, sería probablemente nun sentido metafórico, pois hai moitos topónimos "xardín" localizados en sitios non apropiados para seren un xardín estando lonxe de lugares habitados.
No entanto, algún "Xardín" poida vir de *(uilla) Sardini, a forma en xenitivo de Sardinus, indicando un antigo posuidor, con nome de orixe xermánica. O antropónimo Sardinus está rexistrado en Galiza, cf. CODOLGA.
XILLOI (O Vicedo)
A sua orixe estaría en (uilla) Silioni, forma en xenitivo de Silius / Silio ou *Silione que referiría ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"), con nome de orixe romana.

O XURBAL (As Negradas)
O termo "Xurbal", co típico sufixo abundancial, indica un lugar onde abundan as sorbeiras, árbore do xénero Sorbus.
Evoluiría, por tanto Surbalem > Surbal > Xurbal, con palatalización do s-, fenómeno relativamente frecuente no galego. Tamén se rexistra o apelido relacionado "Jorveira" en Portugal e no Brasil. En Zamora e León aparece "El Jurbial".
A árbore chámase "sorbeira"en Galiza e Portugal (obviamente, nada que ver coa árbore "sobreira"). No xénero Sorbus existen varias especies, como o Sorbus torminalis, Sorbus aria e Sorbus domestica.

Os celtas, e os antigos gregos e romanos, xa cultivaban activamente a "sorbus domestica". Ao ser unha árbore frutal semidomesticada, medra en numerosos bordes de campos de cultivo. Cf. J. A. Oria et al.

"Xurbal" é tamén o nome dun lugar do concello de Vilalba. Así mesmo, rexístranse os topónimos "Sorbeira" e "Surbeira" no Bierzo e nos Ancares. En Castela rexístrase El Jerbo, El Jerbal e El Surbial.



No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada